Barbadás estréase na Copa Galicia de Ciclocrós con festa ourensá (Gallego)

O elite Iván Feijoo e a júnior Sarela Conde déronlle un dobre triunfo ao Academia Postal - Maceda nas carreiras raíñas do I Ciclocrós Apersa Audi.

Debut redondo de Barbadás no calendario da Copa Galicia de Ciclocrós. O Club Ciclista Ourense Termal celebrou este sábado a primeira edición dun evento no que o éxito organizativo se mesturou coa dureza dun circuíto técnico, a lama e os triunfos da provincia anfitrioa. O elite alaricano Iván Feijoo e a júnior macedá Sarela Conde outorgáronlle ao Academia Postal - Maceda as vitorias nas carreiras raíñas dunha xornada histórica para o ciclismo ourensán.

O I Ciclocross Apersa Audi Concello de Barbadás deu a coñecer un escenario chamado a consolidarse no mapa do ciclocrós. O polideportivo municipal exerceu de centro de operacións dun trazado de 2,7 quilómetros de lonxitude que non ofrecía descanso. A chuvia, ademais de xerar moito barro, provocou que aumentara a dificultade para xestionar unha ladeira na que os especialistas marcaron diferenzas. Unhas escaleiras duns 30 chanzos e unha ponte artificial foron outros elementos que aportaron espectáculo a unha cita que na súa estrea agradou moito tanto aos participantes como ás autoridades.

A sexta proba da Copa Galicia 2022 brindou unha carreira Elite - Sub23 de alto nivel. Competindo na súa provincia, Iván Feijoo colleitou a súa segunda vitoria desta campaña no certame autonómico. Gañador a finais de outubro en Santiago de Compostela, o de Allariz impúxose en Barbadás por 1 minuto exacto de vantaxe respecto ao líder elite Samuel González (Máis Que Bicis), que a súa vez superou por 24" ao vencedor Sub23 e líder do seu grupo de idade Ricardo Buba (Gsport).

Outro duelo vibrante tivo como protagonistas ao elite Saúl López (Academia Postal - Maceda) e ao Sub23 Anxo Carril (Coruxo), decantándose a cuarta praza absoluta a prol do representante da estrutura ourensá por 24" de vantaxe. Na mesma quenda, o líder júnior André Martínez (Avanza - O Porriño) bateu nun axustado final a Héctor García (Poio Bike) e sumou o seu terceiro triunfo consecutivo no calendario galego.

Cuarta de Sarela Conde
Unha vitoria máis, catro, leva Sarela Conde esta campaña na proba estrela do programa feminino. A xuvenil do Academia Postal - Maceda volveu dominar con claridade a carreira Elite - Sub23 - Júnior. Cruzou a liña de meta 1'14" antes de que o fixera María Jesús Barros (Team Oiense), que na batalla polo primeiro posto elite dobregou por 21" á líder Eva Ortega (Extol). A júnior Vania Gregores (Ponteareas) e a elite Rebeca Fontela (Máis Que Bicis) acadaron a cuarta e a quinta posición, respectivamente. Sonia Domínguez (Farto), sexta na táboa absoluta, subiu ao chanzo máis alto do podio na categoría Sub23.

O cadro de vencedoras e vencedores en Barbanzás completárono Iris Fernández (Academia Postal - Maceda) e Xián Alvariño (Ponteareas) en cadetes, Ana Nieto (Compostelano) e Jorge Pérez (Os Esfola Arrós) en máster 30, Andrés Calvete (Monte Xalo) e a campioa estatal Marina González (Illas Cíes) en máster 40, José Manuel Gómez (Xesteiras) nos máster 50 e 'Tucho' González (Salvaterra) nos máster 60.

Tres novos líderes
Os resultados en territorio ourensán provocaron tres cambios de líderes nos quince rankings da Copa. Xián Alvariño encabeza agora a xeral cadete, Andrés Calvete adiantou na máster 40 a Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko) e 'Tucho' González sitúase como primeiro máster 60. No resto de categorías continuarán lucindo as camisolas do certame galego Iris Fernández nas cadetes, Sarela Conde e André Martínez en juniors, Zaira Vila (Coruxo) e Ricardo Buba en Sub23, Eva Ortega e Samuel González en elites, Ana Nieto e Miguel Porto (Ponteareas) en máster 30, Paula Blanco (Monte Xalo) nas máster 40, e María del Carmen Armada (Farto) e o portugués Antonio Sousa en máster 50.

A entrega de premios coa que se baixou o pano en Barbadás contou coa presenza do alcalde Xosé Carlos Valcárcel. A Copa Galicia regresará a vindeira fin de semana cunha dobre entrega: o sábado no Porriño e o domingo en Maceda.

Puro Ciclismo, purociclismo, blog, ciclismo, giro, tour, vuelta, clasicas, bici, bicicletas, noticias, entrevistas, ciclocross, mtb, btt, cx, pista
Foto: Luz Iglesias

Publicar un comentario

0 Comentarios