A Copa Galicia de Ciclocrós deu a súa badalada final en Culleredo (Gallego)

-Laura Mira e Samuel González impuxéronse nas probas raíñas do Trofeo A Laboral.
-Quince ciclistas adxudicáronse as clasificacións xerais do certame autonómico.

Non foron doce, senón trece as badaladas que no 2022 compuxeron o calendario da Copa Galicia de Ciclocrós e a última deuse este sábado de Noitevella en Culleredo. O Trofeo A Laboral baixou o pano do certame autonómico, que chegou a súa clausura coa maioría das súas quince clasificacións xerais por categorías decididas matematicamente. O líder elite Samuel González (Máis Que Bicis) puxo a guinda ao seu título cun triunfo na proba raíña masculina e a sub23 Laura Mira (Supermercados Froiz) impúxose na feminina.

Nun dos escenarios máis emblemáticos do ciclocrós galego, a Peña Ciclista Monte Xalo encargouse de que todo fora sobre rodas no fin de festa da Copa. A chuvia non fixo acto de presenza, pero o vento si que se quixo sumar a este despedida. Soprou con forza, pero non coa suficiente como para frear ao gran dominador na quenda Elite - Sub23 desta temporada. O vigués Samuel González colleitou en Culleredo o seu sexto triunfo parcial.

Vestido coa camisola de líder, o elite do Máis Que Bicis venceu con 1 minuto e 13 segundos de vantaxe respecto ao sub23 Ricardo Buba (Gsport), que tamén triunfou por partida dobre, no seu grupo de idade e na xeral. O terceiro posto, a 2’17” do gañador, correspondeu ao elite Saúl López (Academia Postal - Maceda) e as outras dúas prazas do top 5 ocupáronas os elites Xavier Meizoso (Narón) e Manuel Ángel Parada (Xesteiras), cuarto e quinto respectivamente. Nesta mesma quenda o portugués Tomás Gaspar (Peñafiel) superou por 6” ao líder júnior André Martínez (Avanza - O Porriño) na pugna polo triunfo entre os xuvenís.

A emoción tamén se mantivo ata o final na carreira Elite - Sub23 - Júnior feminina. A porriñesa Laura Mira, tras estrear a súa conta de vitorias a xornada anterior en Ponteareas, bateu no trazado da Laboral por 13” a outra sub23, a Sofía Álvarez (Cambre - Caeiro). Coa terceira posición e co triunfo júnior fíxose Marta Estévez (Supermercados Froiz), que cruzou a liña de meta a pouco máis de 1’ da súa compañeira de equipo. A líder elite María Jesús Barros (Team Oiense) rematou cuarta unha proba que non disputou Eva Ortega (Extol), a única corredora que lle podía arrebatar o maillot da Copa, e quinta clasificouse Rebeca Fontela (Máis Que Bicis), ocupando o segundo chanzo no podio elite.

No resto de categorías só se podía dar un cambio de líder na máster 40 masculina. Andrés Calvete, que gozaba dun cómodo colchón de 110 puntos de diferenza, non fallou exercendo de anfitrión. O representante do Monte Xalo sentenciou o ranking apuntándose o triunfo nun vibrante duelo resolto por 11” de diferenza con Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko), a súa única ameaza na xeral. O club organizador colleitou outra vitoria nas máster 40 coa tamén líder da súa categoría Paula Blanco.

A nómina de gañadoras e gañadores da xornada en Culleredo completárona Alejandra Neira (Cambre - Caeiro) e Adrián García (Compostelano) en cadetes, Iria Nieto (Compostelano) e Miguel Porto (Ponteareas) en máster 30, Marcial Rodríguez (QueBici - Marcisport) nos máster 50 e Tucho González (Salvaterra) nos máster 60.

Líderes finais
Os resultados da décimo terceira e última xornada non provocaron ningunha variación no máis alto das clasificacións xerais e, polo tanto, os quince líderes finais por categorías foron Iris Fernández (Academia Postal - Maceda) e Xián Alvariño (Ponteareas) en cadetes, Sarela Conde (Academia Postal - Maceda) e André Martínez en juniors, Zaira Vila (Coruxo) e Ricardo Buba en sub23, María Jesús Barros e Samuel González en elites, Iria Nieto e Miguel Porto en máster 30, Paula Blanco e Andrés Calvete en máster 40, Isabel Castro (Condado Bike) e o portugués Antonio Ferreira en máster 50 e Tucho González nos máster 60.

A entrega de premios do Trofeo A Laboral incluíu a cerimonia de clausura da Copa Galicia de Ciclocrós, un acto no que participaron como autoridades Miguel Suárez, concelleiro de Deportes de Culleredo; Julio Brandariz, presidente da Peña Ciclista Monte Xalo; Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego (FCG); e David Carrillo, secretario da FCG. A temporada de ciclocrós autonómico pecharase o vindeiro domingo coa súa cita máis agardada: o Campionato de Galicia en Poio.

Foto: Luz Iglesias

Publicar un comentario

0 Comentarios