Galicia acada o subcampionato de España no Team Relay de Vic (Gallego)

-Catalunya venceu por diante do sexteto formado por Andrés Calvete, Xián Alvariño, Samuel González, Irene Trabazo, André Martínez e Miguel Rodríguez. A Comunidade Valenciana completou o podio.

Os anfitrións impediron este venres que Galicia revalidara a súa coroa na proba Team Relay coa que se puxo en marcha o Campionato de España de Ciclocrós 2023 no circuíto barcelonés de Vic. Catalunya fíxose co título na carreira de remudas por combinados autonómicos e o sexteto formado por Andrés Calvete, Xián Alvariño, Samuel González, Irene Trabazo, André Martínez e Miguel Rodríguez obtivo a segunda posición. O conxunto da Selección de Breogán liderou ata a penúltima volta antes de resistir ante a Comunidade Valenciana na pugna final pola medalla de prata.

O arranque do Team Relay ratificou a candidatura do equipo da Federación Ciclismo Galego a acadar a súa terceira vitoria consecutiva nunha competición que non se celebrou nin no 2020 nin no 2021. O seleccionador Alberto del Río decantouse polo elite Samuel González como primeiro remudista e o corredor vigués rematou o seu xiro á par do sub23 Diego Ruiz de Arcaute da selección de Euskadi. A igualdade á fronte da proba rachouna o máster-40 Andrés Calvete a prol de Galicia e o primeiro posto momentáneo acadado polo especialista de Cambre conservouno no terceiro xiro ao circuíto o júnior ponteareán Xián Alvariño.

Ao ecuador da carreira chegouse coa Selección de Breogán cunha vantaxe de 3 segundos respecto a Asturias. Os dous conxuntos tiñan como remudistas ás súas elites e nunha espectacular actuación a marinense Irene Trabazo despegouse da vixente campioa estatal Lucía González e ampliou a renda galega sobre o combinado do Principado ata os 19”, mentres que entre as dúas corredoras situouse o júnior catalán Carlos Gámez.

A diferenza no inicio da penúltima volta era de 5” favorable a Galicia, que cedeu o primeiro tras o adiantamento do sub23 Nil Solà ao júnior André Martínez. Malia medirse a un ciclista dunha categoría superior, o xuvenil porriñés non perdeu a roda do representante local. A emoción disparouse na última remuda. Catalunya ía 1” por diante da defensora do título e avantaxaba en 5” á Comunidade Valenciana. O sub23 ponteareán Miguel Rodríguez conseguiu afastarse do elite valenciano Adrián Aranda, a quen bateu por unha decena de segundos, pero non puido coa explosividade do elite Jofre Cullell, olímpico en Tokyo 2020 na modalidade de XCO, e a selección catalá gañou cunha marxe de 9”.

Cadetes e masters
Despois de subir o pano co Team Relay, o Campionato de España de Ciclocrós céntrase dende este sábado nas probas individuais. A sesión matinal está reservada para as categorías masters masculinas, con Andrés Calvete lucindo de novo as cores do combinado autonómico ás 10:45 horas nos máster-40.

Pola tarde chegará a quenda das carreiras cadetes, a categoría que compón case ao 50% a convocatoria de Galicia. Ás 15:00 h. poranse en marcha as rapazas cadetes con Lorena Patiño, Alba Gregores, Iris Fernández e Alejandra Neira. Xunto a elas competirán as masters, con Marina González formando parte da Selección de Breogán e buscando revalidar a coroa máster-40 lograda o ano pasado.

A continuación, ás 15:50 h., comparecerán os rapaces cadetes con sete representantes de Galicia: Darío Buceta, Néstor Frías, Santiago Otero, Arón Lorenzo, Xián Alvariño, Raúl Puelles e Adrián García.

Publicar un comentario

0 Comentarios