Tres galegas proclámanse campioas de España de ciclocrós en Vic (Gallego)

A cadete Lorena Patiño (Selección de Galicia), a máster 40A Marina González (Selección de Galicia) e a máster 50A Isabel Castro (Condado Bike) asinaron o trío de ouros. Andrés Calvete (Selección de Galicia) colgouse a prata nos máster 40A.

O ciclocrós galego está respondendo ás altas expectativas coas que acudiu ao Campionato de España de Ciclocrós que se celebra na localidade barcelonesa de Vic. Despois do segundo posto obtido o venres pola Selección de Breogán na proba Team Relay, este sábado chegaron catro medallas máis: tres ouros e unha prata. A cadete Lorena Patiño, a máster 40A Marina González e a máster 50A formaron o trío de corredoras autonómicas que se proclamaron campioas estatais e Andrés Calvete subiu ao segundo chanzo do podio na categoría máster 40A.

Trece dos 23 ciclistas que a Federación Ciclismo Galego desprazou a terras catalanas competiron na primeira xornada de carreiras individuais. Lorena Patiño, a gañadora esta temporada de todas as citas da Copa de España de Ciclocrós, cumpriu cos prognósticos e acadou a súa segunda camisola rojigualda despois da súa vitoria o pasado verán no campionato de Cross Country Olímpico. A marinense da Selección de Galicia dominou de principio a fin na proba cadete e ergueu os brazos con 43 segundos de vantaxe sobre Leyre Almena (Comunidade Valenciana) e con 1'18" respecto a Lidia Castro (Castela e León). Alejandra Neira, sexta; Iris Fernández, décima; e Alba Gregores, décimo oitava, completaron a actuación do combinado dirixido por Alberto del Río.

Na mesma quenda chegaron os outros dous títulos das galegas. Marina González revalidou o máster 40A logrado hai un ano en Xàtiva e fíxoo anotándose a vitoria absoluta da súa carreira. A verinesa que reside en Vigo impúxose por diante da máster 40B Ruth Moll (Oviedo.es), á que bateu por 47", e no podio estivo escoltada por Sonia Pato (Castela e León) e Eva Argüelles (Oviedo.es), segunda e terceira respectivamente no grupo de idade encabezado pola corredora da Selección de Galicia. O chanzo máis alto do caixón tamén o pisou Isabel Castro. Defendendo as cores do Condado Bike foi a máis forte entre todas as máster 50, distanciándose en 1'35" de Roser Vidal (Comunidade Valenciana) e en 2'29" de Raquel Montañés (Fuenlabrada), que ao igual que a pontereá competían no grupo de idade A.

Calvete, subcampión
En canto ás competicións masters masculinas, Andrés Calvete colgouse a prata nos 40A por segundo ano consecutivo. O especialista de Cambre, que na véspera formou parte do sexteto da Selección de Breogán no Team Relay, volveu lucir as cores do combinado galego e ocupou a segunda posición na táboa absoluta a 18" do gañador do seu grupo de idade Isaac Suárez (Cantabria). A terceira praza, a medio minuto do coruñés, correspondeu a Gaizka Pujana (Euskadi), tamén 40A.

No resto de grupos de idade máster, rubricaron postos no top 10 os galegos Miguel Porto (Ponteareas), quinto nos 30B; José Manuel Comesaña (Monteferro), oitavo nos 50A; Óscar González (Máis Que Bicis), décimo nos 50A; Javier Lago (QueBici - Marcisport), décimo nos 50B; e Antonio 'Tucho' González (Salvaterra), noveno nos 60A.

A xornada pechouse cos cadetes masculinos, carreira na que sete ciclistas representaron á Selección de Galicia. Xián Alvariño colleitou o mellor resultado do equipo autonómico ao concluír noveno. Entre os 30 primeiros tamén se clasificaron Adrián García, décimo cuarto; Néstor Frías, décimo sexto; Santiago Otero, décimo noveno; Raúl Puelles, vixésimo terceiro; Arón Lorenzo, vixésimo sétimo; e Darío Buceta, vixésimo oitavo. Outro galego, Xoel Cidrás, fixo vixésimo competindo co maillot do XSM.

Clausura
A xornada deste domingo baixará o pano do Campionato de España 2023 e estará reservada para as probas das categorías Júnior, Sub23 e Elite. Os xuvenís masculinos empezarán a rodar ás 9:30 horas con André Martínez e Martín Díaz como bazas de Galicia. Ás 10:30 h chegará a quenda dos Sub23, un pelotón no que a expedición da Federación Ciclismo Galego contará con Anxo Carril e Borja Gómez.

Ás 11:55 h. a Selección de Breogán partirá como favorita na categoría júnior da quenda raíña feminina na que tamén competirán as Sub23 e as elites. María Filgueiras, Uxía Soto e Aroa Otero, as tres primeiras clasificadas esta temporada na Copa de España, forman o trío júnior do equipo galego, que nas Sub23 presentará a Laura Mira e nas elites a Irene Trabazo. Por último, o Campionato de España despedirase ás 13:10 h. cos elites masculinos entre os que estará Samuel González como encargado de pechar a actuación do bloque autonómico.

Publicar un comentario

0 Comentarios