A 3h Resistencia celebra este domingo o seu Campionato de Galicia en Lousame (Gallego)

300 bikers completaron a cota de inscricións.
A segunda temporada de 3h Resistencia no calendario federado vivirá este domingo o seu día grande. A localidade coruñesa Lousame acolleu o ano pasado a proba inaugural da Copa autonómica e este domingo será a sede do Campionato de Galicia 2023. Ás 10:00 horas arrancará tanto a competición individual como por parellas dun evento que reunirá a 300 bikers tras esgotar a cota de inscricións. Un éxito de participación.

A 3H Resistencia Lousame, organizada polo Club BTT O Treito coa colaboración do concello deste municipio da comarca de Noia e da Federación Ciclismo Galego (FCG), ofrece un circuíto de 5,6 quilómetros de lonxitude no lugar de Berrimes. O seu desnivel positivo acumulado rolda os 150 metros. Nesta especialidade do BTT as corredoras e os corredores teñen como reto sumar o maior número de voltas nun tempo límite de 3 horas. As parellas compiten no formato de remudas.

A Copa Galicia 3h Resistencia constou esta campaña de cinco eventos, celebrados nunha marxe dun mes, e finalizou o pasado domingo en Muros. O Campionato, ademais de poñer en xogo as coroas autonómicas, tamén reparte puntos para o ranking anual da FCG. Polo tanto, o que aconteza en Lousame terá un valor dobre.

No 2022 a cita estrela do calendario de 3h Resistencia disputouse en Noia e subidos ao chanzo máis alto do podio recibiran as camisola de campións autonómicos Martín Sestelo nos juniors, Ángel Maneiro nos sub23, Eva Ortega e Javier Busto en elite, Daniel García en máster 30, Rebeca Muñoz e Alejandro Trasbach en máster 40, Francisco Xavier López Cedrón nos máster 50 e Carlos Gómez nos máster 60. Esta vez incorpóranse ao programa do Campionato as parellas absolutas e cadetes. En ambas categorías participan dúos femininos, masculinos e mixtos.

Publicar un comentario

0 Comentarios