A Gala Ciclismo Galego superará os 200 galardóns este sábado en Boiro (Gallego)

O excorredor profesional Alejandro Marque e quince dirixientes ‘Imprescindibles’ dos clubs autonómicos, entre os distinguidos con Mencións Especiais.

O concello anfitrión recibirá un recoñecemento pola súa aposta pola mobilidade sostible.

A Gala Ciclismo Galego recupera este sábado en Boiro a normalidade previa á pandemia. Se no 2022 a Federación Ciclismo Galego (FCG) volveu celebrar a súa gran festa despois da paréntese do ano anterior, pero fíxoo aplicando estritas medidas de prevención sanitaria, esta vez o protocolo principal consistirá en recoñecer traxectorias sobranceiras e aos mellores ciclistas da última temporada. Dende as 19:45 horas, cando se pecharán as portas de acceso, a Casa da Cultura 'Ramón Martínez López' acollerá a única xuntanza anual sen bicicletas do pelotón autonómico.

A nómina de galardoados superará a barreira das dúas centenas. A FCG entregará os premios correspondentes á pasada campaña dos seus rankings de Ciclocrós, Estrada e das especialidades de BTT, así como as distincións ás corredoras e aos corredores que obtiveron postos de podio nos Campionatos de España e nas xerais das Copas estatais. Ademais, no caso do Cross Country Maratón coroarase ás gañadoras e gañadores da Copa Galicia, unha cerimonia que se tivo que adiar tras a suspensión da última proba do calendario.

Máis alá dos resultados do último exercicio, a Gala Ciclismo Galego’23 servirá para render unha gran homenaxe aos directivos máis históricos do deporte da bicicleta na nosa comunidade. Por ese motivo, o capítulo de Mencións Especiais contará nesta ocasión co apartado 'Os Imprescindibles do Ciclismo'. Unha quincena de dirixentes, que teñen en común a dedicación aos seus clubs durante varias décadas, recibirán un máis que merecido recoñecemento.

Outras traxectorias distinguidas serán as de Alejandro Marque, un dos mellores ciclistas profesionais galegos do último decenio e que se retirou ao remate da pasada campaña, e o xuíz árbitro Arturo Roig Pereira. Ademais, lembraranse as figuras dos recentemente desaparecidos José Luis Neira -presidente do Club Ciclista Compostelano-, Benito Carballal -piloto de Moto Volta Galicia- e a do empresario Magín Froiz. Pola súa banda, o galardón polo seu apoio ao ciclismo recaerá na empresa Aluminios Cortizo.

As Mencións Especiais serán un total de 27 e unha delas recaerá no Concello de Boiro pola súa aposta pola mobilidade sostible. A Gala Ciclismo Galego, que será retransmitida en diferido pola TVG2, foi presentada nun acto que contou coa presenza de José Ramón Romero, alcalde de Boiro; Dores Torrado, concelleira de Deportes; e David Carrillo, secretario da FCG.

Publicar un comentario

0 Comentarios