A Selección de Galicia de Enduro acada dous segundos postos na Copa de España de La Adrada

A elite Alba Arias e o Sub23 David Fernández asinaron os mellores resultados do combinado autonómico.
Outros cinco riders galegos pisaron o caixón e Marco Veiga sitúase líder da xeral elite.

O ensaio xeral da Selección de Galicia de Enduro de cara ao Campionato de España do vindeiro mes de abril deixou bos resultados e sensacións. Eva Castro estreouse oficialmente como seleccionadora este domingo con dous segundos postos, obtidos pola elite Alba Arias e o sub23 David Fernández, na localidade abulense de La Adrada. O balance autonómico na segunda cita da Copa de España 2023 completouse con outros cinco podios de corredores que defenderon as cores dos seus clubs, entre eles a segunda praza de Marco Veiga (Ciclos Quintena), novo líder da xeral elite.

Na fronteira da comunidade autónoma de Castela e León coa de Castela-A Mancha, o evento organizado polo Bike Madrid ofreceu un percorrido de 33 quilómetros e 1.650 metros de desnivel positivo acumulado no que se disputaron catro treitos cronometrados. A Selección de Breogán acudiu ata a provincia de Ávila con nove riders para preparar o Campionato de España do 22 de abril en Puntallana (Tenerife). O grupo dirixido por Eva Castro e o seu axudante Luis Manovel conviviu durante tres días nos que o obxectivo principal era a formación das promesas galegas do Enduro e a experiencia rematou pisando o caixón por partida dobre.

Malia sufrir no terceiro treito unha caída que lle provocou unha lesión na man, Alba Arias conseguiu defender ata o final o segundo posto na clasificación elite e acadou a terceira praza na táboa absoluta feminina. A corredora de Arteixo, cun tempo total de 20 minutos e 46 segundos, só foi superada na súa categoría pola gran favorita, a vixente campioa estatal Sara Yusto (Lácteas Cobreros), que se impuxo cun rexistro de 18'45".

Máis preto da vitoria estivo David Fernández, a menos dun segundo e medio, despois dunha actuación moi estratéxica por parte do sub23 tudense. Moi concentrado de principio a fin, soubo manexar as referencias que lle chegaban dos seus principais rivais ata xogarse o triunfo nun man a man con David Bosch (Fornells de la Selva). O catalán venceu cunha marca de 14:47.427 e o galego fixo 14:48.688, o que lle serviu para ocupar a décima posición na táboa scratch masculina.

Ás portas do top-10 no grupo de idade sub23 quedaron catro riders da nosa comunidade: o undécimo posto correspondeu a Ismael Romero (Pontebike), o duodécimo a Manuel Loureiro (Selección de Galicia), o décimo cuarto a Marcos Estévez (Selección de Galicia) e o décimo sexto a Xoán Fernández (DH Galicia).

A parte alta da clasificación júnior masculina tamén contou cunha numerosa presenza galega. Raúl Romero (A Forna) logrou a terceira posición e entre os dez primeiros concluíron Hugo Rosendo (Selección de Galicia) na quinta praza, Uxío Atrio (Selección de Galicia) na sétima, Héctor Quinteiro (Selección de Galicia) na novena e Rubén Almeida (A Forna) na décima.

Pola súa banda, André Martínez (Selección de Galicia) chegaba a La Adrada na segunda posición da xeral, pero nesta proba non o acompañou a sorte. Sufriu unha avaría no freo no segundo parcial e unha rotura da cadea no terceiro. Logo destes contratempos mecánicos só puido aspirar a rematar a competición e fíxoo no décimo quinto posto. A aposta polos novos valores realizada polo combinado da Federación Ciclismo Galego incluíu ao cadete Yerai Peláez, quinto nun grupo de idade no que Rubén Temprano (Komanche) finalizou noveno.

Dous líderes
Á marxe das categorías nas que competiu o conxunto autonómico, o Enduro galego sumou outros catro podios e regresou de terras abulenses encabezando dúas clasificacións xerais. O naronés Marco Veiga, segundo na táboa scratch e na elite a 18" do andorrano Alex Iscla, asaltou o primeiro posto do ranking elite. Do mesmo xeito, a camisola da Copa de España vaina vestir o 30 de abril no Endurrazo de Moaña o máster-30 porriñés Santos Lemos (Grupeta Pan de Zarko), que rubricou o seu segundo triunfo nesta edición do certame estatal.

Como líder máster-40 en La Adrada partía José Manuel López Vaqueiro (Cerdedo - Cotobade) e agora está igualado a puntos con Juan Ignacio García (Monpedal Castellón) no primeiro posto da xeral do seu grupo de idade. O valenciano apuntouse o triunfo por diante de tres galegos. Bateu por case 4" a Pedro Dapena (CiclosQuintena), por 7" a López Vaqueiro e por menos de 8" a Eduardo Cundíns (3AG).

Publicar un comentario

0 Comentarios