A festa do BTT no Carballiño inclúe o Campionato de Galicia de Eliminator

O autonómico de XCE celébrase o sábado. O domingo chegará a quenda do Mini BTT e da cuarta xornada da Copa Galicia XCO.

A localidade ourensá do Carballiño converterase esta fin de semana de capital galega do BTT. Ata tres eventos do calendario autonómico terán como escenario a vila do Arenteiro e un deles será o Campionato de Galicia de Cross Country Eliminator (XCE). A competición que promete espectáculo e emocións fortes no casco urbano celebrarase o sábado, quedando para o domingo no circuíto de Pena Cobertoira o Mini BTT e a cuarta xornada da Copa Galicia de Cross Country Olímpico (XCO).

Con Irene Trabazo (XSM) e Jorge Punzón (Cosmos) como defensores dos títulos acadados o ano pasado en Marín, a cuarta edición do autonómico de Eliminator arrancará ás 16:00 horas. O Campionato de Galicia XCE - XCE Urbano Concello do Carballiño / Copa Deputación de Ourense seguirá o formato de competición habitual desta explosiva especialidade. Comezará cunha contra o reloxo individual que servirá para organizar os cadros antes da disputa das eliminatorias, carreiras con catro participantes nas que se poñen en xogo dous billetes para a seguinte rolda.

O triplo evento organizado polo Club Ciclista Carballiño, e que agarda reunir a preto de 900 bikers, continuará o domingo pola mañá co VI Mini BTT Concello do Carballiño. A cita que se porá en marcha ás 10:00 horas no circuíto de Pena Cobertoira, no lugar de Miomas, será a terceira do mes e do ano no calendario autonómico de escolas de BTT logo das que tiveron lugar nas dúas últimas fin de semana no Porriño e en Ferrol.

Cuarta xornada da Copa
A quenda dos maiores o domingo chegará pola tarde. Dende as 17:00 horas vivirase a estrea da Copa XCO Concello do Carballiño, que na súa primeira edición exercerá de cuarta xornada do circuíto de probas da especialidade olímpica coordinado pola Federación Ciclismo Galego (FCG). Os rankings de cinco das catorce categorías deste certame lidéranos representantes dos clubs das provincia de Ourense: Iris Fernández e Néstor Frías, ambos do Academia Postal - Maceda, en cadetes; Alejandro García (Academia Postal - Maceda) nos juniors; Antonio Rodríguez (Ourense Termal) nos máster 50; e José Manuel González (Academia Postal - Maceda) nos máster 60. O resto de clasificacións xerais encabézanas Candela Rodríguez (Coruxo) nas juniors, Sofía Álvarez (Cambre) e Anxo Carril (Coruxo) en sub23, Lara Lois (RG Bikes) e Jorge Punzón en elite, Raquel Vázquez (Esmelle) e Antonio Mato (Toxo) en máster 30, e Silvia García (Bici Verde) e Juan José Chapela (Morrazo) en máster 40.

O acto de presentación do Gran Premio BTT Carballiño 2023 contou coa presenza de Silvia Baranda, concelleira de Deportes do Concello do Carballiño; de Roberto Rodríguez, presidente do Club Ciclista Carballiño; de Manuel Pérez, xefe provincial do Servizo de Deportes da Xunta de Galicia na provincia de Ourense; e de Juan Carlos Muñiz, presidente da FCG.

Publicar un comentario

0 Comentarios