Alba Arias e Marco Veiga impóñense no Campionato de Galicia de Descenso - DH Molinos

A vertixinosa baixada no Páramo repartiu once títulos autonómicos.
O Descenso autonómico actualizou a súa nómina de campións este domingo coa disputa do DH Molinos no concello lucense do Páramo. O CiclosQuintena encabezou por partida dobre a nómina de once riders que recibiron as camisolas azuis e brancas da Federación Ciclismo Galego (FCG). O elite naronés Marco Veiga revalidou a súa coroa e a elite arteixá Alba Arias colgouse a súa primeira medalla de ouro na especialidade máis explosiva do BTT.

O DHGTeam encargouse de organizar o Campionato de Galicia 2023 e a xornada transcorreu co 'flow' que caracteriza aos eventos organizados por esta entidade. Os máis de cen participantes, superando a cifra do DH Molinos no 2022, atopáronse unha vertixinosa baixada, con treitos de pedaleo, saltos espectaculares e sectores de pedras que poñen a proba a técnica de pilotaxe. Unha esixente combinación na que o principal favorito non fallou.

Marco Veiga defendía o título acadado o ano anterior en Manzaneda e sacou a relucir o seu talento na final. O elite naronés rebaixou en 13 segundos o seu tempo na quenda clasificatoria para asinar un rexistro de 3 minutos 8 segundos e 336 milésimas, a marca scratch da xornada. Tras proclamarse o domingo anterior gañador da Copa de España de Enduro, o rider do CiclosQuintena bateu no Páramo por 1" e 355 milésimas ao representante do conxunto anfitrión Iván Mourelo (DH Galicia), que se fixo coa medalla de ouro nos máster-30. O terceiro posto absoluto correspondeu ao elite Víctor Mariño (X Bikes), o máis rápido de todos os participantes na clasificatoria, e que malia mellorar 2 décimas o seu rendemento na final quedou a 2" do gañador absoluto.

Francisco Vilaboa (Singletrack), cuarto na táboa scratch, completou o podio elite e Zoe del Río (XSM) fixo quinto, o que lle outorgou o campionato sub23. Os elites Alejandro Paz (Compostelano) e Mauro González (Salvaterra) clasificáronse sexto e sétimo, respectivamente, seguidos por dous máster-30 que subiron ao podio no seu grupo de idade: Carlos Díaz (CiclosQuintena) obtivo a prata e Héctor Guerra (Te Eme Sport) levouse o bronce. O top-10 pechouno André Martínez (Avanza - O Porriño), repetindo título nos juniors.

Nas outras tres categorías masculinas houbo un campión que tamén retivo a coroa, o máster-50 Ricardo Escudero (Poio Bike). Pola súa banda, Xurxo Campo (Monteneme) impúxose nos cadetes e Jose Montenegro (Moto Bike), nos máster-40.

Auxe feminino
Cada vez as probas do calendario galego de Descenso atraen a máis mulleres e no circuíto da comarca de Sarria reuníronse once competidoras. A máis rápida de todas foi Alba Arias, unha semana despois de certificar o seu triunfo na xeral elite da Copa de España de Enduro. A corredora de Arteixo dominou no

DH Molinos por diante de dúas asturianas e logrou por primeira vez un título autonómico de Descenso. O seu tempo na final de 4:04,656, mellorando en 6" o da clasificatoria, serviulle para impoñerse á sub23 Cristina Menéndez (Cuetos Bike) por case 3" de marxe e por cerca de 14" á júnior Natalia Menéndez (Cuetos Bike), que comandara a primeira quenda.

As promesas da nosa comunidade veñen pisando forte e a cadete Arantxa Gómez (OsdoSacho) meteuse cuarta por diante da subcampioa elite Gemma Chapela (VK Bikes). A sexta clasificada Paula Seoane (Te Eme Sport) vestiuse coa camisola de campioa máster-30. A continuación, situáronse dúas riders que pisaron o caixón cadete, Alexia Santervas (A Forna) como sétima na táboa xeral e Alejandra Díaz (Cambre - Renault Caeiro) concluíndo oitava. O duelo polo bronce elite decantouse a prol de Alejandra Chapela (VK Bikes) por 7" de diferenza respecto a súa compañeira de equipo Nayra Giráldez e o undécimo posto ocupouno Alba Fernández (Pontebike), que se apuntou o título autonómico júnior.

Foto: Abraham Castro

Publicar un comentario

0 Comentarios