A cadete Lorena Patiño e o equipo infantil masculino proclamáronse campións estatais de BTT.
A expedición composta por 39 ciclistas coa que a Selección de Galicia disputou en Cartagena os Campionatos de España Escolar e Júnior regresou este domingo de terras murcianas con cinco medallas despois de catro días de competición. Á prata lograda o pasado xoves na xornada inaugural pola cadete Alejandra Neira na contra o reloxo individual de estrada sumáronse o sábado catro metais no circuíto de BTT, dous ouros e dous bronces. A cadete Lorena Patiño e o equipo infantil masculino subiron ao máis alto do podio e o terceiro chanzo pisárono o cadete Mauro Vega e o cuarteto do que formou parte.
A marinense Lorena Patiño defendía título e asinou un guión moi semellante ao protagonizada o ano pasado en Valladolid. Dende o inicio impuxo un forte ritmo que lle permitiu abrir marxe e posteriormente xestionalo para acabar vencendo cun tempo de 49 minutos e 28 segundos, distanciándose en 1'07" de Mónica Estrada (La Rioja) e en 2'18" de Lucía Sánchez-Montañez (Comunidad de Madrid), as dúas corredoras que a escoltaron na imposición da camisola de campioa de España.
A competición cadete masculina arrancou comandada por un cuarteto con dobre representación de Galicia. Mauro Vega e Xian Alvariño puxeron terra de por medio xunto a Roc Cubí (Catalunya) e Rodrigo Sánchez (Comunidad de Madrid). A fortuna non acompañou a Alvariño, que picou as dúas rodas e quedou sen opcións de pugnar polas medallas e a súa praza no grupo cabeceiro cubriuna Guillermo Parrado (Andalucía). A carreira resolveuse na última volta, co nigranés Vega perdendo contacto, pero manténdose cerca dos primeiros, o que lle permitiu aproveitar a caída de Parrado para cruzar a liña de meta terceiro, a 11" do gañador Cubí e de Sánchez. Malia a dobre avaría de Alvariño, décimo cuarto clasificado, e a un problema mecánico que arrastrou a Xoel Cidrás á 46ª posición, o cuarteto da Selección Breogán, con Marcos Rodríguez no 22º posto, logrou o bronce por equipos. Só melloraron o seu resultado colectivo Catalunya, que se proclamou campioa, e Andalucía.
Título infantil
A colleita de metais para o BTT da FCG incrementouse na manga infantil masculina e unicamente un cruel desenlace evitou que Galicia sumara dúas medallas en vez dunha. Lucas Lozano chegou terceiro á ultima curva, onde se lle rachou a cadea e este contratempo deixouno sen o bronce que practicamente tiña no peto. Tivo que percorrer os últimos metros correndo a pé e terminou sexto. O premio que non se lle escapou a Lozano foi o ouro por equipos. Con Lucas Blanco oitavo, Mateo Cernadas undécimo e Carlos López na 26ª praza, o cuarteto galego dominou con claridade a táboa de seleccións por diante de Catalunya e Navarra, segunda e terceira respectivamente.
![]() |
Foto: FGC |
0 Comentarios
Gracias por su comentario