Galicia regresa catro anos despois ao podio do Campionato de España de Team Relay

A Selección de Breogán rematou terceira en Sabiñánigo tras comezar a última volta liderando a carreira.

Dende que no 2019 conseguira a que ata o momento é a súa única vitoria no Team Relay (XCR) do Campionato de España de Cross Country, Galicia non volvera pisar o podio da proba de remudas por equipos na gran cita estatal da bicicleta de montaña. A Selección de Breogán rachou este venres ese meigallo que lle perseguía dende que se proclamara campioa e en Sabiñánigo colgouse a medalla de bronce. O sexteto composto por Alejandro García, Lara Lois, Marta Estévez, Anxo Carril, Aroa Otero e Samuel González rematou terceiro tras comezar a última volta liderando a carreira.

O seleccionador José Alberto del Río escolleu a Alejandro García para arrancar a competición e o biker júnior pasoulle o testemuño en segunda posición a Lara Lois. A corredora elite, nunha sensacional actuación, encargouse de situar por primeira vez a Galicia á fronte das seis comunidades autonómas participantes.

A continuación, entrou escena a júnior Marta Estévez, logrando alcanzar o ecuador da proba no segundo posto antes de que o sub23 Anxo Carril recuperara o liderado para o conxunto da Federación Ciclismo Galego (FCG). O mando deste emocionante XCR conservouno a júnior Aroa Otero e Galicia iniciou o último xiro ao trazado de Sabiñánigo cunha renda de 13 segundos sobre a Comunitat Valenciana, de 26" respecto a Catalunya e avantaxando en 43" a Andalucía.

Última volta
Con todo por decidir, o elite Samuel González pugnou con rivais de moito nivel como o andaluz Hugo Franco, que a pasada fin de semana meteuse no top-10 do Campionato de Europa Júnior, e o sub23 valenciano Fernando Vilaplana, quen acabou facéndose coa vitoria cun tempo total de 1:49:11. A 7" concluíu Andalucía e o representante galego entrou a 31" do gañador, logo de ampliar a 35" a diferenza con Catalunya, cuarta clasificada.

"O circuíto era moi longo e máis que unha carreira por remudas era unha contra o reloxo individual en cada quenda. O plan saíu bastante ben, sen moitos problemas. Estamos contentos co resultado final. É unha recompensa ao traballo de todo o equipo", sinalou Anxo Carril.

Pablo Rodríguez, quinto
O Campionato de España variou nesta edición a súa programación habitual e o pano da primeira xornada subiuno o Short Track (XCC). O macedao Pablo Rodríguez (BH Coloma Team) foi o único representante galego nesta especialidade e cruzou a liña de meta en quinta posición. O ourensán quedou a 24" do terceiro posto, que correspondeu ao murciano David Campos (Orbea), e a 36" do vencedor, o andaluz David Valero (BH Coloma Team)

Este sábado pola mañá, a partir das 9:00 h., porase en marcha o estatal da especialidade olímpica (XCO) para os máster e sub23 masculinos e ás 18:30 h. celebrarase a proba do Eliminator (XCE).

Para finalizar o Campionato, o domingo estará dedicado en exclusiva ao XCO coa carreira junior masculina ás 9:00 h. , seguida ás 10:45 h. das mulleres en todas as súas categorías e a proba elite masculina, que dará o pistoletazo ás 12:30 h.

Foto: FGC

Publicar un comentario

0 Comentarios