O III XCM Audi Selection Plus exerce este domingo de Campionato de Galicia
As últimas coroas autonómicas de BTT correspondente ao 2023 repártense este domingo na provincia de Ourense. Dende as 09:30 horas, e co concello de Piñor como punto de saída e chega, o XCM Audi Selection Plus exercerá na súa terceira edición de Campionato de Galicia de Cross Country Maratón. O desafío organizado polo Club Ciclista Ourense Termal propón un percorrido de 72 quilómetros e 2.100 metros de desnivel positivo acumulado para as categorías masculinas, agás a máster-60 que do mesmo xeito que as competidoras femininas afrontarán un itinerario de 59 km e 1.600 metros de desnivel.
Ao redor de 130 participantes apuntáronse á cita que baixa o pano do calendario competitivo de XCM por esta temporada. A nómina de campións de Galicia actualizarase despois de que no 2022 se fixeran coas medallas de ouro en Cuntis o júnior Miguel Panadeiros, o sub23 Anxo Carril, Lara Lois e Rubén Deaño en Elite, Diana Blanco e Daniel García en Máster-30, Ana María González e Alejandro Trasbach en Máster-40, Francisco Xavier López en Máster-50 e Pedro Luis Delgado en Máster-60.
O pelotón de bikers arrancará dende o Campo da Peregrina e o trazado que lles agarda resulta esixente. A ruta mestura zonas rápidas e lentas por sendas e camiños, cruzando bosques como, por exemplo, a parte que transita polo Camiño de Santiago. As corredoras e os máster-60 non terán que subir A Madelena na segunda volta e no km 56 collerán o desvío que conduce á liña de meta.
A oferta desta cita complétase coa primeira edición da Ruta da Prata, unha marcha cicloturista de 38 km e 950 metros de desnivel. Nesta actividade non competitiva permítese a participación das e-bikes. Comezará minutos despois de que se dé a saída á Audi Selection Plus - Concello de Piñor.
A presentación deste dobre evento tivo lugar no concesionario Apersa de Ourense coa presenza de Martín Manso, xefe de ventas; Daniel Rodríguez, presidente do Ourense Termal; José Luis González, alcalde de Piñor; Manuel Pérez, Xefe de Servizo na provincia de Ourense da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia; Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego (FCG); Eduardo Alberca, delegado da FCG na provincia de Ourense; e Jose Carlos Sanmiguel, corredor do Ourense Termal.
Toda a información sobre o Campionato de Galicia XCM podes atopala na súa sección dentro desta mesma páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CampionatoXCM23.
0 Comentarios
Gracias por su comentario