O júnior Alejandro García sorprende no Campionato de Galicia de Cross Country Maratón

A elite Eva Ortega dominou entre as mulleres en Piñor
O III XCM Audi Selection Plus coroou este domingo na localidade ourensá de Piñor a dez campións de Galicia de Cross Country Maratón e nesa nómina de gañadoras e gañadores sobresaíu un nome propio. O júnior Alejandro García (Academia Postal - Maceda) fíxose coa vitoria absoluta masculina correndo na súa provincia. O carballiñés sorprendeu aos contrastados fondistas da categoría Elite e dos grupos de idade Máster. Entre as mulleres si que se cumpriu o guión previsto co dominio de Eva Ortega (Extol MTB Team).

O outro gran triunfador da xornada foi o Club Ciclista Ourense Termal mesturando a competición e o cicloturismo grazas á organización dun dobre evento. Entre o Campionato de Galicia e a primeira edición da marcha Ruta da Prata reuníronse 250 bikers na liña de saída do Campo da Peregrina. Unha verdadeira festa do XCM para baixar o pano do calendario autonómico 2023 desta especialidade.

Unha semana despois de asinar a 14ª posición na cita das UCI Junior Series de XCO celebrada no circuíto francés de Brouains, o actual campión de España júnior de Cross Country Olímpico atreveuse coa longa distancia. Alejandro García estreouse nunha carreira de BTT Maratón e exhibiu o seu potencial. Sendo xuvenil de primeiro ano, completou en 3 horas 30 minutos e 24 segundos o percorrido de 72 quilómetros e 2.100 metros de desnivel positivo acumulado.

Triunfo en solitario
O ataque definitivo do corredor do Academia Postal - Maceda chegou na segunda e última volta a un esixente circuíto que presentaba a subida a A Madalena como o seu punto de maior dureza. A roda do ciclista do Carballiño non a puideron seguir os elites do V Bike, o equipo que esta campaña impuxera a súa lei nos maratóns galegos. Brandán Márquez cruzou en segunda posición a liña de meta de Piñor, a 55" de Alejandro García, e proclamouse campión elite, mentres que o seu compañeiro de equipo Diego Álvarez -invicto a nivel autonómico no 2023 ata esta proba- rematou terceiro a 2'55" do vencedor absoluto.

Os tres primeiros abriron un notable oco respecto ao resto de clasificados dentro do top-10. A 5'34" de Diego Álvarez concluíu Daniel García (Xesteiras) revalidando o título máster-30 e a quinta praza, así como o terceiro chanzo no podio elite, correspondeu a Saúl López (Academia Postal - Maceda). Manuel Casuso (Xesteiras), segundo máster-30, fixo sexto, o elite Iván Pereira (Xesteiras) obtivo o sétimo posto con 15" de marxe sobre tres novos campións de Galicia que entraron xuntos: o máster-40 Diego Rey (Tambre Bike), o máster-50 Antonio Rodríguez (Ourense Termal) e o sub23 Diego Marnotes (Extol MTB Team). A sétima e última camisola de rei autonómico que se repartiu en Piñor recibiuna Carlos Gómez (Ourense Termal), gañador máster-60.

Tres coroas femininas
Segunda este ano nos tres maratóns da Copa Galicia, a polivalente Eva Ortega aproveitou a ausencia da súa compañeira de equipo Susana Alonso para engadir o título elite de XCM a un palmarés no que hai medallas en campionatos de ciclocrós, estrada, XCO e Resistencia. O desafío para as mulleres non incluía a segunda ascensión á A Madalena e a representante do Extol cubriu os 59 km, con 1.600 de desnivel, cun tempo de 3:23:28. Distanciouse en 15 minutos das súas perseguidoras.

A segunda posición absoluta rubricouna outra versátil corredora, a sub23 Carla Fernández (QueBici - Marcisport), con 24" de marxe respecto á subcampioa elite Raquel Román (Bici Verde). A terceira coroa feminina en xogo conquistouna a máster-40 Natalia Raña (Corbelo) cuarta na táboa absoluta. As elites Cecilia Abal (Ribadumia), terceira na categoría raíña, e Emma Lorenzo (Código Bike) tamén alcanzaron a meta.

A entrega de trofeos, medallas e camisolas do Campionato de Galicia na clausura do III XCM Audi Selection Plus contou coa presenza de José Luis González, alcalde de Piñor; Eva Fernández, concelleira de Deportes; Daniel Rodríguez, presidente do Ourense Termal; Manuel Pérez, Xefe de Servizo na provincia de Ourense da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego. Este último entregoulle un maillot ao rexedor local como sinal de agradecemento polo seu apoio e compromiso co ciclismo.

Foto: FGC

Publicar un comentario

0 Comentarios