Galicia renova por completo a súa nómina de campións de Resistencia nunha proba contra os elementos en Narón

Raquel Román e Xavier Meizoso asinaron as mellores actuacións individuais. Iria Nieto e Ángel Vilanova, nas mixtas, e Óscar Pino e Miguel Porto, nas masculinas, conquistaron os títulos por parellas

Narón e a Resistencia en BTT forman un cóctel explosivo cargado de épica. Alí celebrouse este domingo o Campionato de Galicia e, ademais do desafío de sumar o maior número de voltas en 3 horas, as bikers e os bikers loitaron contra outro factor. Tal e como acontecera o ano pasado na cita da Copa Galicia que tivera como escenario esta cidade coruñesa, as condicións climatolóxicas resultaron do máis adversas. Nesta ocasión, baixo a chuvia e sobre a lama, puxéronse en xogo once títulos autonómicos. O representante do club anfitrión Xavier Meizoso e Raquel Román (Bici Verde) encabezaron as clasificacións elites e absolutas dunha xornada de pura resistencia.

O Club Ciclista Narón conseguiu sacar adiante o Campionato de Galicia Resistencia - Cidade de Narón coa mesma paixón que levou a 190 participantes a aceptar o reto de pedalear durante 180 minutos no circuíto da parroquia de A Pombiña. As intensísimas chuvias dos días anteriores deron unha tregua á hora de dar a saída, pero volveron a aparecer en escena cando a competición xa estaba lanzada. No trazado de 6 quilómetros a pugna máis vibrante viviuse á fronte da carreira.

Lucindo o dorsal número 1 e liderando a proba dende o primeiro paso pola liña de meta, Xavier Meizoso logrou o triunfo elite cunha marca de 2:47:17 e por só 24 segundos de vantaxe respecto a Ignacio Casal (Extol - Zambora.es). Os dous primeiros clasificados absolutos completaron oito voltas, o mesmo número que outros nove corredores. A 1'17 do xefe de filas do club local rematou o novo campión júnior Adrián Caamaño (Caimanes Betanzos), asinando unha excepcional terceira posición na táboa xeral.

Yago Fernández (Extol - Zambora.es) acabou cuarto, facéndose co chanzo que quedaba por ocupar no podio elite, e o top-5 da xornada pechouno Diego Álvarez (Aerodynamics), o que lle serviu para vestirse a camisola máster-40 da Federación Ciclismo Galego (FCG). A renovación da nómina de campións foi completa e nas restantes categorías individuais masculinas conquistaron os títulos Ricardo Liste (Lasal Cociñas - Craega) nos sub-23, Santiago Rodríguez (Narón) nos máster-30, Miguel Ángel Arias (Extol - Zambora.es) nos máster-50 e Manuel Bugallo (Biciosos - Rías Baixas) nos máster-60.

Tampouco variou a primeira posición ao longo das tres horas entre as mulleres. A viguesa Raquel Román asumiu o mando na volta inicial e acumulou seis pasos pola liña de meta sen que ningunha corredora a adiantara. A elite do Bici Verde dominou cun tempo final de 2:39:03, batendo por 4'19 a Desirée Fernández (RSBike Boiro) e por 16'42 a Eva Ortega (Extol - Zambora.es), as dúas rivais que a escoltaron no caixón elite durante a entrega de premios.

O cuarto posto correspondeu á elite Laura Abal (Ribadumia) cun xiro menos ao circuíto que as tres ciclistas que comandaron a súa categoría. Tamén sumou cinco voltas a campioa máster-30 Amira Simón (Mancebo Negreira), quinta na táboa absoluta. Nos grupos de idade sen títulos en liza, Marta Fernández (Poio Bike) fixo primeira nas máster-40, Ana López (Burgas Bike) nas máster-50, Noa Rodríguez (Creto Bikes) nas juniors e Sofía Ferreiro (Esmelle) nas sub-23.

Parellas
Os eventos de 3H BTT Resistencia inclúen competicións por parellas e nas remudas masculinas Uxío Canosa quedou a un paso de revalidar o título. Vencedor o ano pasado xunto a Pablo Rodríguez, esta vez formou tándem con Jorge Pérez e o dúo de Os Esfola Arrós terminou segundo por detrás de Óscar Pino e Miguel Porto (Louriña - Lynalfa). O representante do club porriñés e o do ponteareán completaron oito voltas con 2'53 de marxe sobre os subcampións e a mesma cifra de pasos por meta alcanzaron os terceiros clasificados Fabián Rodríguez e Samuel Varela (Cambre), gañadores esta campaña da Copa Galicia.

A dobre coroa na mesma temporada, Campionato e Copa, si que a obtiveron Iria Nieto e Ángel Vilanova (Oiense - Compostelano) nas parellas mixtas. Invictos neste 2024, en Narón finalizaron seis voltas, superando por unha a Elísabeth Iglesias e Pablo Portas (Armenteira e Punto) e a Vania Gregores - Antón Rama (Lynalfa - Ponteareas), segundos e terceiros respectivamente.

Á gran cita do calendario autonómico de Resistencia tampouco faltaron os dúos cadetes. Nesta proba de promoción cunha duración de 2 horas e sen disputarse títulos, Alba Lamas e Lía Rodríguez (Creto Bikes - Cambre) impuxéronse na categoría feminina, Elba Hermida e Martiño Rama (Lynalfa - Ponteareas) na mixta e Jose Manuel Pintos e Mateo Ledo ( Lynalfa - Ponteareas) na masculina.

A terceira edición do Campionato de Galicia desta especialidade entregou os seus trofeos baixo teito para resgardarse da chuvia. Esta cerimonia de clausura contou coa presenza de Marián Ferreiro, alcaldesa de Narón; Ibán Santalla, concelleiro de Deportes; Samuel Bustabad, presidente do Club Ciclista Narón; e Óscar Sánchez, directivo da FCG.

Foto: Luz Iglesias

Publicar un comentario

0 Comentarios