ENTREVISTA A GUILLERMO SANDE - En gallego

Entrevista a Guillermo Sande, seleccionador da selección Galega de ciclocross.
Este fin de semana disputarase o Campionato de España de Ciclocross en Pontevedra.

1.-¿Con que expectativas encara a selección anfitrioa o Campionato de España de Ciclocrós?:
Guillermo: A nivel xeral, temos boa calidade de corredores en todas as categorías, pero os Campionatos de España son complicados. É unha proba de 50 minutos na que pode pasar calquera cousa. Trátase dunha carreira dun día, non é a Copa de España. Podes ser o gañador da xeral da Copa e no Campionato custarte moito estar entre os oito primeiros. A nosa ilusión é manter o nivel e conseguir o maior número posible de medallas.

2.-¿Atrévese cunha cifra de presenzas da Selección de Galicia no podio?:
Guillermo: Somos unha das potencias no ciclocrós e sempre imos estar loitando polas medallas. Deberíamos conseguir seis, como mínimo. A Selección é boa. A principal diferenza respecto a anteriores seleccións é a participación feminina, que esta vez é moi numerosa.

3.-Dezaseis rapazas citou entre cadetes, juniors e Sub23:
Guillermo: Si, baixo a miña responsabilidade apostamos polo ciclismo feminino ao cen por cen. O ciclismo feminino subiu nos últimos anos enormemente no ciclocrós. Nas probas loitan pola vitoria e despois divírtense xuntas. Iso tamén hai que valoralo. Non temos unha ciclista súper gañadora, pero hai rapazas cadetes que de seguir así van darnos moitas alegrías. Sen esquecernos, obviamente, de que nas sub-23 temos a Irene Trabazo, malia que non corre coa Selección, e a Carla Fernández, que estará coa Selección e xa ten unha licenza sub-23 UCI.

4.-¿Cales son as principais opcións de medallas?:
Guillermo: Cadetes, juniors e na carreira sub-23 feminina podemos estar loitando. Tamén temos a algún máster que o vai facer ben.

5.-¿E a sorpresa positiva?:
Guillermo: Nas rapazas cadetes non tivemos moita sorte na Copa de España e creo que aquí vanse conxugar varios factores para que as nosas rapazas estean loitando coas primeiras.

6.-Galicia asinou en Pontevedra un papel sobresaínte no 2019. ¿Está o listón moi alto?:
Guillermo: O ano pasado e este son cousas totalmente diferentes. Moitos corredores cambiaron de categoría. Por exemplo, na proba sub-23 masculina vai estar máis complicado a nivel de Selección porque os galegos Iván Feijoo e Carlos Canal van correr cos seus equipos. Nesa categoría quédanos a opción de Adrián Barros, que o ano pasado tivo un problema cunha zapatilla cando pelexaba por subir ao podio. Este ano non está ao cen por cen, pero pode estar aí loitando porque é un rapaz que vai rápido. Cada ano é diferente e, ademais, este ano cambia o percorrido.

7.-¿Que pode provocar ese cambio de sentido no circuíto?:
Guillermo: Iso ten unha peculiaridade, a de ir no sentido inverso ao das agullas do reloxo. A maioría dos rapaces e das rapazas son destros e todas as habilidades están tiradas sempre cara o lado dereito. A nivel de dureza vai ser exactamente o mesmo. Quizais, onde antes había unhas zonas técnicas agora vai cambiar un pouquiño. Haberá que trazalas de forma diferente.

8.-¿Como se explica o rexurdimento do ciclocrós en Galicia?:
Guillermo: A Federación Galega está apostando polo ciclocrós e tamén todos os clubs que organizan probas. Montar un evento de ciclocrós dá moito traballo. A min gustaríame que se valorase o traballo de toda esa xente que fin de semana se e fin de semana tamén se meten no campo e no monte, cravan estacas, poñen as cintas… Fano o mellor que poden para organizar a proba do seu club. Grazas a eles e aos equipos temos este actual nivel de corredores.

Publicar un comentario

0 Comentarios