'PAPÁ VELOSO' - Texto: Botis Torrado

Abriuse polo lado esquerdo, deixándose caer, coa mirada perdida no asfalto quente, a cabeza baixa e tratando de recuperar o alento. Os que teñen sufrido de verdade enriba dunha bicicleta pódense facer unha pequena idea do que podía supoñer esa dor de pernas, de como queima o aire tratando de entrar nos pulmóns; incluso de como arrabean as queimaduras que fai o asfalto no pelexo e, ata se me apuras, de canto custa seguir a pedalear cunha perna que case non dá para camiñar. Mais hai outra dor que non todos podemos comprender, un golpe que poucos poden soportar, aquel que borra dun plumazo todas cantas esperanzas quedaban de cumprir o soño de toda unha carreira. Un soño que mantiña prendida unha pequena chama no centro do peito do noso heroe, unha chama que o mantiña vivo e quente cada mañá para seguir saíndo a adestrar con frío, chuvia ou vento cada día despois de máis de 20 anos de carreira, e coa mesma ilusión ca un xuvenil.

Con máis de 40 anos acadar o nivel que acadou Gustavo para esta Volta é toda unha odisea, o corpo non recupera como antes dos adestramentos, das carreiras, das caídas. Cada día, cada adestramento é unha loita contra o tempo e a natureza. Unha loita que foi quen de vencer para volver ser, como tantas veces, un dos homes máis fortes da Grandísima. Pero non lle chamamos Papá Veloso por casualidade, e como un bo pai de familia o Velhote predica co seu exemplo cada día… dende hai máis de 20 anos.

Hai xente que se mostra sorprendida pola entrega de Gustavo César Veloso na etapa de a Guarda renunciando ó soño de culminar a súa carreira no máis alto antepoñendo o beneficio do equipo ó seu propio, mais os que seguimos a Volta a Portugal dende hai anos xa o temos visto entregarse pola súa equipa cando os beneficiados na clasificación non se chamaban Alejandro Marque… sempre cunha clase innata nel, sempre profesional e correcto nos momentos máis complicados, incluso cos coitelos aínda cravados nas costas.

Veloso vaise retirar dun xeito acorde á súa carreira, profesional e xeneroso… CICLISTA. Porque un verdadeiro ciclista comprende o significado da palabra equipo e sabe, como dixo o propio Gustavo hai uns días, que “cando se antepón o beneficio do equipo á propia clasificación é que as cousas saen mellor”. Simple de entender; máis complexo é velo facer.

Os aplausos do resto do pelotón soaban á súa chegada á Guarda como as trompas triunfais reciben ó xeneral que volve vitorioso de defender o seu reino. O recoñecemento sincero de todos eses guerreiros fronte ó seu heroe abofé que fixo reavivar a chama no peito de Gustavo. Só os guerreiros saben o que acontece no campo de batalla.

Deixará un palmarés envexable, mais non tan avultado como houbera podido ser, pero os “bos e xenerosos” deixan outro tipo de legado e Papá Veloso deixa na nosa familia ciclista unha cantidade tremenda de leccións que non debemos esquecer e que serán parte da aprendizaxe nas nosas escolas de ciclismo para ciclistas e PERSOAS.

Sexamos agradecidos co seu legado tal como merece, sería moi inxusto co Velhote pechar o xornal (páxina, RRSS…) e saír a pegarnos na primeira rotonda por pasar antes ca o coche que levamos ó lado, ou tratar de colarnos na cola do súper…

Puro Ciclismo, purociclismo, blog, ciclismo, giro, tour, vuelta, clasicas, bici, bicicletas, noticias, entrevistas, ciclocross, mtb, btt, cx, pista
Foto: Facebook Clube Ciclismo Tavira

Publicar un comentario

0 Comentarios