Do respecto á infamia en 38 días - Texto Botis Torrado

O pasado 27 de xullo a norteamericana Simon Biles abandonaba a final olímpica por equipos e levaba ás portadas de medio mundo o gravísimo problema que existe no mundo do deporte de máximo nivel coa saúde mental dos deportistas.

Puro Ciclismo, purociclismo, blog, ciclismo, giro, tour, vuelta, clasicas, bici, bicicletas, noticias, entrevistas, ciclocross, mtb, btt, cx, pista

Deficiencias no traballo sobre a xestión da presión e as emocións en competición dende as categorías inferiores e a nula preocupación pola estabilidade mental e persoal dos profesionais nun deporte de alto nivel onde quen gaña sempre é "Don Dinero" son problemas que sempre quedan ocultos porque cando un deportista xa "non serve" queda gardado nun caixón escuro e sempre haberá algún outro que se colgue unha medalla e ocupe as portadas.

Este enorme problema que fala moi ás claras do escaso nivel humano da nosa sociedade foi posto en primeira plana pola ximnasta estadounidense hai pouco máis dun mes… dende logo non deixou indiferente a ninguén, pero a diferencia de outras polémicas ridículas que saltan ás portadas nos nosos días a reivindicación de Biles viña acompañada por potentes e dolorosos argumentos. Rapidamente comezaban a soar nomes nas redaccións que apuntalaban a postura da ximnasta: a esquiadora Blanca Fernández Ochoa, o boxeador José Manuel Urtain, o capitán da Selección de wáter-polo Jesús Rollán, o saltador Yago Lamela ou o ciclista Luís Ocaña; todos pagaron o prezo máis caro por tocar a gloria do deporte.

38 días despois de que a prensa de todo o mundo falase da necesidade de concienciación sobre a falta de coidado e respecto pola saúde mental dos deportistas de alto nivel puidemos presenciar en direto na nosa televisión pública como Don Carlos de Andrés atacaba unha e outra vez sen pudor a “Supermán” Lopez polo seu abandono na penúltima etapa da Vuelta a España. Falta de compromiso, escaso profesionalismo e falta de respecto cara os seus compañeiros eran algúns dos vergonzosos calificativos que vertía cara o colombiano con saña unha e outra vez mentres Perico Delgado procuraba moderar a súa postura ou cambiar de tema. No trasfondo facíase notar a defensa dos intereses do equipo Movistar. No último día de Vuelta, en entrevista ó seu Director Deportivo, dende o ente público se insistía en preguntar sobre as consecuencias disciplinarias que se tomarían sobre o díscolo campión colombiano.

Eusebio Unzué mostrábase ofendido e molesto diante de toda a audiencia de TVE, contribuíndo unha vez máis a aumentar a tremenda lousa psicolóxica que pesa sobre un profesional en forma de presión e que algúns non conseguen superar. Pero igual o propio Capo de Movistar recorda unha frase: “¡Eusebio no me jodas con la general! Yo te gano dos o tres etapas y listo”. A frase atribúese ó grandísimo José María Jiménez, un dos mellores escaladores de sempre que nos deixou un legado que aínda nos fai poñer o pelexo de galiña. Unhas lembranzas que gardamos coa propia voz de Carlos de Andrés de fondo vibrando coas súas fazañas. Chava deixou recordos imborrables e un baleiro tremendo no corazón dos que amamos este deporte. Non debemos permitir que se cuspa deste xeito sobre a súa memoria.

Poñamos un punto de cordura. NON MÁIS XOGUETES ROTOS!

Puro Ciclismo, purociclismo, blog, ciclismo, giro, tour, vuelta, clasicas, bici, bicicletas, noticias, entrevistas, ciclocross, mtb, btt, cx, pista
Foto: as.com / Jesús Rubi

Publicar un comentario

0 Comentarios