Galicia cólgase dúas medallas cadetes e Marco Veiga proclamáse subcampión de España elite de Enduro

Arantxa Gómez e Yerai Peláez conseguiron os metais da Selección de Breogán en Puntallana.
Podios masters para Santos Lemos en 30 B e José Ernesto Camesella en 50 A.

Un Campionato de España especialmente complicado pola loxística e as características do terreo insular deixou un balance de cinco medallas para o Enduro galego. En Puntallana, na illa tinerfeña de La Palma, a Selección de Breogán conseguiu o pasado sábado dous podios cadetes por medio de Yerai Peláez e de Arantxa Gómez, segundo e terceira respectivamente nas súas categorías, e os outros tres metais que se viñeron para a nosa comunidade acadáronos riders que representaron aos seus clubs: Marco Veiga (Ciclos Quintena) proclamouse subcampión elite, o mesmo posto ocupou Santos Lemos (Grupeta Pan de Zarko) nos máster-30 B e José Ernesto Camesella (Monteboi) colgouse o bronce nos máster 50 A.

No seu primeiro Campionato de España como seleccionadora da Federación Ciclismo Galego (FCG), Eva Castro deu especial relevancia á xuventude e ao Enduro feminino na confección da convocatoria para viaxar a territorio canario. Esta dobre aposta materializouse en dúas medallas cadetes. Yerai Peláez situouse segundo dende o primeiro dos tres treitos cronometrados e o corredor do Coruxo conservou esa praza ata o final, rematando a 35 segundos do gañador Nicolás Chirino (Canarias). O terceiro posto correspondeu a Diego López (Andalucía). Co paso dos parciais tampouco variou a posición de Arantxa Gómez, terceira de principio a fin. A rider do club OsdoSacho subiu ao caixón xunto a Zahara Sáez (Imeca Cycling) e á vencedora Candela Ruíz (Aragón).

O resto de categorías tiveron que realizar un tramo máis, un total de catro, que sumaban 10,1 quilómetros dentro do percorrido de 31,8 km. Nese itinerario a sorte non acompañou en exceso aos outros cinco riders da Selección de Galicia, especialmente aos tres juniors. O que saíu peor parado foi o júnior Uxío Atrio. Unha caída no segundo TC provocoulle unha forte luxación no ombreiro dereito e tivo que ser trasladado ao hospital. Outro contratempo, neste caso mecánico, sufriuno André Martínez, ao romper o freo na primeira baixada. Puido continuar grazas a unha solución de urxencia empregando unha brida, pero co único obxectivo de completar o campionato. Pola súa banda, Hugo Rosendo asinou unha sólida actuación, logrando o segundo mellor rexistro júnior no terceiro treito, e rematou quinto.

Entre os dez primeiros tamén concluíron Alba Arias, cuarta na clasificación elite e sétima na absoluta feminina despois de lograr o mellor resultado parcial no último sector cronometrado, onde fixo terceira na súa categoría, e o sub23 David Fernández, oitavo no seu grupo de idade logo de irse dúas veces ao chan.

Subcampionato de Veiga
Con moita menos presenza de riders dos clubs de Galicia respecto ao que é o habitual no calendario estatal, debido á complexidade de desprazarse ata as Illas Canarias, o balance autonómico á marxe da Selección resúmese en tres medallas e varios postos de honra. O naronés Marco Veiga exerceu de principal ameaza para o local Édgar Carballo (Canarias), terminando segundo na táboa absoluta e na elite. O canario revalidou o título marcando o mellor tempo scratch en todos os sectores e superando por 26 segundos ao do Ciclos Quintena. Por terceira temporada consecutiva o corredor de Narón pisou o podio do Campionato de España de Enduro e a comarca de Ferrolterra contou con outro representante no top-10 elite ao meterse sétimo Kevin Méndez (Rocasport).

A historia repetiuse nos máster-30 B e un canario levouse a coroa estatal por diante dun galego. Santos Lemos tivo que conformarse coa medalla de prata no triunfo incontestable de Adal Capote, rider da selección anfitrioa e gañador cunha vantaxe de 2'35". Germán Lorenzo (A Forna) finalizou undécimo. No outro grupo de idade máster con dobre presenza de corredores da nosa comunidade, José Ernesto Camesella adxudicouse a terceira posición nos 50 A, por detrás do valenciano Víctor Atienza (Folgatel) e do novo campión José Mario Rodríguez (Canarias), mentres que Santiago Alonso, o seu compañeiro de equipo no Monteboi, acabou sexto. Nesa mesma posición, sexto, quedou Pablo López (Moto Bike) nos 40 B.

O calendario estatal de Enduro ten a súa seguinte gran cita esta vindeira fin de semana en Galicia, coa celebración en Moaña do Endurrazo, terceira cita da Copa de España 2023.

Publicar un comentario

0 Comentarios