O Sub23 Rubén Fandiño e o elite Iván Dias, novos campións de Galicia de fondo en estrada

O Padronés - Cortizo apuntouse o Gran Premio Concello do Porriño con Vojtech Kmikek e Carlos Gutiérrez cruzando a liña de meta collidos da man.

As camisolas de campións de Galicia de fondo en estrada do campo amateur teñen dende este sábado novos propietarios. O sub23 Rubén Fandiño (Supermercados Froiz) e o elite Iván Días (Lasal Cocinas - Louriña) fixéronse cos títulos autonómicos que se puxeron en xogo no Gran Premio Concello do Porriño. O cambadés e o porriñés rendibilizaron a súa punta de velocidade no esprint do pelotón que completou os 141 quilómetros de percorrido medio minuto despois de que dous ciclistas do Padronés - Cortizo, o checo Vojtech Kmikek e o o abulense Carlos Gutiérrez, cruzaran a meta collidos da man.

A terceira edición da carreira organizada polo Club Máster da Louriña reuniu a unha centena de corredores na liña de saída da Avenida Domingo Bueno do Porriño. O itinerario da proba, que ademais de exercer de Campionato de Galicia Elite - Sub23 repartía puntos para os rankings da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC), dividíase en dúas partes. Na primeira dábase a coñecida como 'A Volta ao Val' e na segunda realizábanse tres ascensións a portos de montaña, o de San Cosme e o de Abelenda, este último en dúas ocasións.

Unha fuga de 17 unidades marcou o guión da competición ata o seu ecuador. Esta numerosa escapada conseguiu unha renda próxima aos 2 minutos rodando polas comarcas do Baixo Miño e do Val Miñor. A Meta Volante atopábase no km 70 e por alí pasou primeiro Álvaro Carasa (Padronés - Cortizo). Malia que o conxunto de Padrón era o que contaba con máis representantes no grupo dianteiro, púxose a tirar do pelotón despois de atravesar Baiona para reducir considerablemente as diferenzas, dando continuidade ao traballo feito anteriormente polo High Level - Gsport - Grupo Innova Tormo e o Laboral Kutxa.

Ataque en San Cosme
As ramplas do primeiro porto da xornada provocaron un cambio na situación da proba. O Padronés-Cortizo lanzou a Vojtech Kmikek e a Carlos Gutiérrez, que coroaron San Cosme, no km 91, xunto a Adrián Bugarín (Supermercados Froiz). O trío consolidouse camiño do Sprint Especial do Porriño, punto quente que se adxudicou o corredor checo, na antesala de arrancar o dobre ascenso ao Alto de Abelenda.

O ritmo dos dous corredores da formación padronesa acabou pasando factura a Bugarín. Unha vez que se descolgou o ponteareán do Supermercados Froiz, Rubén Fernández Oliveira (Norinver) estivo a piques de alcanzar a Kminek e a Gutiérrez na segunda subida a Abelenda, pero o defensor da camisola elite do Campión de Galicia non conseguiu conectar e o éxito dos compañeiros de equipo xa non correu perigo no regreso ao centro da capital da Louriña.

Con 29 segundos de vantaxe sobre o pelotón, o abulense e o checo festexaron o 'dobrete' do Padronés - Cortizo nos metros finais. Gutiérrez cedeu o triunfo no Gran Premio Concello do Porriño a Kminek. Ningún dos dous optaba aos premios do Campionato de Galicia, unhas coroas que se decidiron no esprint do grupo perseguidor. Rubén Fandiño foi o máis rápido, acadando a terceira praza na carreira e por primeira vez o título sub23, por diante do abulense Noel Martín (Vigo - Rías Baixas) e de Iván Días, que grazas a súa quinta posición estreouse como campión autonómico elite.

Podios do Campionato
O cambadés, e residente en Teo, do Supermercados Froiz estivo escoltado no podio por Alejandro Paz (Padronés - Cortizo) e Sergio Lorenzo (Laboral - Kutxa), segundo e terceiro respectivamente na clasificación sub23 do Campionato. Pola súa banda, o vigués do Lasal Cocinas - Louriña tivo como compañeiros no caixón elite a Iago Medín (Norinver), que recibiu a medalla de prata, e a Juan Vidal (Lasal Cocinas - Louriña), bronce na cita organizada polo equipo ao que pertence.

As clasificacións complementarias acaparounas o Padronés - Cortizo: impúxose por equipos, anotouse a Meta Volante con Carasa, o Sprint Especial con Kminek e a Montaña con Gutiérrez. A cerimonia de entrega de premios contou coa participación de Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño; Abel Estévez, concelleiro de Deportes; Rafael Pérez, de Lasal Cocinas; Juan José Álvarez, presidente do Máster da Louriña; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego.

Publicar un comentario

0 Comentarios