A NAVALLA DE BOTIS - Fascículo 2: Sesgo do supervivinte

Da II Guerra Mundial á carreira da túa vila.
Aquí quero falar, como sabes, de saúde e rendemento no deporte e antes de profundizar quero contarche por que creo que debes saber como e pra que facer as cousas. O caso é que o outro día navegando sen rumbo pola rede topeime cunha publicación que falaba sobre o sesgo de supervivencia e as tácticas da aviación aliada na II Guerra Mundial e pareceume que podía valer pra explicar o que che quero dicir, así que como dixo Jack o Destripador: imos por partes.

1. Como che vou falar sobre o “sesgo de supervivencia” imos ver qué significa iso de “sesgo”. Moi rápido: en psicoloxía emprégase o concepto de “sesgo cognitivo” pra definir unha serie de mecanismos que a nosa mente usa pra darmos resposta rápida a un problema filtrando a información dispoñible de xeito subxectivo. Na nosa guía rápida podemos substituílo aquí por prexuízo (algo así), sigamos...

2. Os sesgos cognitivos son a parte da nosa evolución natural e consecuencia da mesma que nos levou a sobrevivir ata os nosos días. Podémola definir como técnica pra atopar solucións rápidas mediante regras empíricas ou o método proba-erro. Isto é: o homo sapiens que vía un tigre botaba a correr sen agardar a ver se tiña fame, nos nosos días se escoitamos a bocina dun coche igual nos botamos a un lado.

3. Este xeito de atopar solucións de maneira rápida é responsable en parte da nosa supervivencia e evolución pero nos pode levar en ocasións a solucións erróneas.

Vou agora pola parte na que se pode relacionar co noso deporte, e poida que con outros. É moi doado nas categorías populares de deportes de fondo atopar “referentes” nun determinado territorio, entendendo como tal a deportistas cunha certa facilidade de obter bos resultados nas probas ás que acuden. É moi doado tamén observar como unha parte importante dos seus competidores, rivais, amigos ou compañeiros de grupeta tratan de emular os seus comportamentos e imitar os seus adestramentos e costumes como un mantra que os ha de levar polo camiño do éxito. Así, abofé que tes escoitado frases do tipo: “fixo tal media nun entreno”, “sempre vai con fulano ou mengano”, “toma tal ou cual suplemento” e outros moitos.

A cuestión é que cando te fixas en certas persoas como figuras exemplos a seguir polo seu bo facer baseándote nos seus resultados deportivos é moi doado que esteas a caer nun destes sesgos cognitivos.

Imos agora co exemplo do que trae causa este artigo: o sesgo de supervivencia e as técnicas da aviación aliada na II Guerra Mundial. A artillería nazi facía estragos nas aeronaves aliadas en cada expedición e tomouse a decisión de tratar de mellorar a resistencia ó fogo inimigo analizando os danos causados polos proxectís.

Logo de estudar numerosas naves que viñan de sufrir ataques por parte da artillería nazi sobre a mesa dos enxeñeiros aliados apareceu un esquema extremadamente claro de ónde estaban a sufrir danos as naves que regresaban ó hangar logo de ser atacadas. A resposta ó problema estaba clara: reforzando esas zonas suficientemente as naves analizadas non terían sufrido danos durante os ataques da artillería inimiga.

Foi o matemático Abraham Wald o primeiro en caer na conta de que esa análise feita cos danos sufridos polas aeronaves aliadas só incluía ós avións que foran quen de chegar de volta á súa base, dato este que fixo mudar 180º a visión dos enxeñeiros pra buscar posibles solucións ó problema.

Atopas tí unha relación entre este sesgo de supervivencia e o feito de tratar de emular a un deportista popular polo mero feito de que teña certo éxito nas súas competicións?

Por exemplo: se collemos un grupo de deportistas e os poñemos a facer unha hora ó seu máximo todos os días pode ser que haxa algún que mellore, pero así contado non se che ocorre intentalo, non sí?

É por isto que creo importante que teñas unha guía básica sobre como facer as cousas se pretendes poñerte a adestrar, e non deixarte caer en mans de youtubers vendedores de crece pelo e "fendeculatas" varios.

PD.: á mesma conclusión podemos chegar pretendendo emular deportistas elite ou profesionais, pero por outros camiños. Podemos falar disto noutra ocasión.

Lémonos aquí e saudamonos na estrada.

Podes atoparme en:
- Strava: Botis
- Facebook: TB Botis
- Instragram: jbtorrado

Podes contactarme en:
- jb.torrado@gmail.com

Podes unirte a:
- Non plus flipare (grupo en Strava)

Publicar un comentario

0 Comentarios