A NAVALLA DE BOTIS - Fascículo 3: obxectivos

Feitas as presentacións estas pasadas semanas imos ir poñendo os marcos ó espazo do que che dicía que quero compartir aquí con contigo.

O entretemento e a diversión teñen que ser dous piares elementais aquí xa que os outros dous: coidar a saúde e mellorar o rendemento, adoitan supoñer esforzo e sacrificio e cómpre aderezar cada día cunhas pingas de alegría para que o prato nos quede redondo.

E como bandeira desta filosofía que busca saúde e diversión unha idea importante: "non fliparnos" (#NPF). Vivimos nun momento no que se alguén se quere achegar a este mundo da bici, a nada que busque un pouco vai atopar feixes e feixes de información. Unha sobresaturación orixinada por múltiples e diversos intereses, case todos económicos e comerciais, que xeran moitísima confusión e nubran a vista cada vez máis convertendo algo tan simple como ir en bici nunha zarangallada tecnolóxico - científica na que é moi doado perder o norte.

Se adicas tempo nas RRSS podes coleccionar toda unha serie de "contidos de valor", "tips" e consellos de "influencers" que precisan demostrar canto saben e que efectivamente contan con evidencia científica todos eles.

E funcionan Botis?
Pois depende…

…e vai depender sempre do contexto. Se tes certa idade lembrarás aquel programa de TVE que se chamaba "Saber vivir" e que dirixía o Dr. Torreiglesias. Pasaban media mañá dando consellos de saúde, remedios caseiros, tradicionais… con evidencia científica todos eles e pra todas as doenzas e enfermidades coñecidas, ás veces facíamos bromas sobre que a audiencia dese programa non podía enfermar.

Obviamente non era así porque a saúde desas persoas tamén dependía dos seus hábitos, alimentación, actividade física, factores ambientais, xenética…

E dito isto podemos volver a esa maraña de información na que te podes perder e dicir que si, que ninguén che esta mentindo e que todos eses consellos, descubrimentos e tecnoloxía funcionan ou teñen tan sequera máis dun estudio que os avala. Pero non te deixes caer no erro de pensares que por poñerte a copiar un determinado adestramento, cientificamente contrastado ou non, e adestrar como un animal vas mellorar sen máis. Nin creas que mercando un libro dun tipo que dí que ten unhas fórmulas milagrosas de adestramento te vas plantar primeiro na vindeira Quebrantahuesos.

Todos eses “misterios” e “segredos” teñen o seu fundamento lóxico pero se non son aplicados de xeito coherente e adaptados ás túas capacidades e necesidades concretas non che van servir pra mellorar ou poida incluso que acabes lesionado ou sobre - adestrado, algo que soe resultar demasiado habitual.

De isto é que che quero falar aquí, non de novos avances e descubrimentos, que diso hai xente que sabe realmente moito... e tamén cobran acorde ós seus coñecementos. Eu vou tratar de che expoñer catro ou cinco normas básicas do adestramento deportivo pra que sexas quen de adestrar e disfrutar da bici con saúde, de mellorar as túas capacidades, de comprender como e por que acontecen as cousas, de dar encaixe a algunha desa información que poidas ir atopando dentro dos teus adestramentos e aproveitala realmente, facer todo iso cunhas pingas de diversión e… e non por último menos importante: utilizando os medios de que dispoñas; que non debería haber que gastar en tecnoloxía pra facer con xeito algo que se leva facendo máis dun século.

Como che soa ese último parágrafo? Semella sinxelo? Paréceme que pode ser unha aventura complicadísima pero apaixonante. Anímaste a embarcarte comigo?

Lémonos aquí e saudámonos na estrada! (Na vindeira semana avance).

Podes atoparme en:
Strava: Botis
Facebook: TB Botis
Instragram: jbtorrado

Podes contactarme en:
jb.torrado@gmail.com

Podes unirte a:
Non plus flipare (grupo en Strava)

Puro Ciclismo, purociclismo, blog, ciclismo, giro, tour, vuelta, clasicas, bici, bicicletas, noticias, entrevistas, ciclocross, mtb, btt, cx, pista
Foto: Cedida por Botis

Publicar un comentario

0 Comentarios