A NAVALLA DE BOTIS - Fascículo 5: Desmontando un deportista - Capítulo I: a enerxía

En cada unha das publicacións neste apartado terás un enlace a aquel esquema que che expuxen a pasada semana para poder estar sempre correctamente orientados, clic aquí para ver o esquema. …e con marcador subliñada a parte na que nos atopamos.

Comezamos por este número 2 (Vías metabólicas) porque creo que resulta o mellor punto de partida para comprender despois case todos os demais.

E comezamos por iso ó que lle dei en chamar GASOLINA, con isto quero facer referencia á fonte (ou mellor dito: fontes) de enerxía coas que conta o noso organismo para facer fronte a calquera tipo de esforzo. Como esa gasolina vai pasar tamén por distintas vías para obtermos enerxía vouvos falar de distintos “motores”.

Efectivamente, o noso organismo é unha máquina que conta con tres vías para obter enerxía, tres “motores” que funcionan de distinto xeito e con distinto combustible segundo a intensidade e a duración do esforzo.

A primeira destas vías é a lipolítica. Aporta unha cantidade de enerxía inesgotable a partir da oxidación de graxas pero de xeito lento, aseméllase ó tractor Barreiros que tiña teu avó: anda pouco, e consume menos aínda, pero empuxa sempre, dende que sobes á bici ata que baixas.

A segunda vía da que che vou falar é a glicolítica. O combustible aquí é o noso amigo o glicóxeno e podemos facer o símil cun motor de inxección: acada máis velocidade, consume bastante máis e o depósito pode entrar en reserva e deixarnos tirados.

Por último imos falar a vía fosfaxénica. Cando entran en acción a fosfocreatina e o ATP celular contamos con unha enorme fonte de enerxía, pero que dura pouco, apenas uns segundos. Exactamente igual a ese motor eléctrico da F1 que o piloto pode usar en determinadas ocasións para realizar un adiantamento e que vai repoñendo a batería sobre a marcha… así mesmiño.

Pois deste xeito, se sobes á bici e arrancas a tope esas fontes de enerxía traballarían do seguinte xeito:

Puro Ciclismo, purociclismo, blog, ciclismo, giro, tour, vuelta, clasicas, bici, bicicletas, noticias, entrevistas, ciclocross, mtb, btt, cx, pista

Como ves no gráfico #NPF a primeira en poñerse en marcha será a vía fosfaxénica (liña azul), que entrega unha grande cantidade de enerxía pero se esgota nuns poucos segundos. A vía glicolítica (liña vermella) será a seguinte en tomar protagonismo entregando gran cantidade de enerxía, algo menos, e que vai minguando a medida que se esgota o combustible: o glicóxeno. Por último, e a medida que esta segunda vía vai perdendo capacidade o que che vai quedar é aquela que funciona de xeito moi lento, pero que aporta enerxía de xeito ilimitado: a oxidación das graxas (liña verde), que ó igual que o tractor pode labrar durante horas e horas sen ter que repostar.

Iremos vendo cada un destes motores de xeito detallado nos vindeiros fascículos de A NAVALLA DE BOTIS, falaremos de como funcionan, como se adestran e como se repoñen eses depósitos.

Lémonos aquí e saudámonos na estrada.

Podes atoparme en:
Strava: Botis
Facebook: TB Botis
Instragram: jbtorrado

Podes contactarme en:
jb.torrado@gmail.com

Podes unirte a:
Non plus flipare (grupo en Strava).

Publicar un comentario

0 Comentarios