A NAVALLA DE BOTIS - Fascículo 6: Desmontando un deportista. Capítulo II: o motor Barreiros

Se lembras o que che veño contando as últimas semanas hoxe imos a falar deste punto 2.a.I (clic aquí) do noso esquema: a vía lipolítica.

Fágoo coa analoxía dun motor de tractor porque efectivamente a enerxía que obtemos por aquí non nos permite ir extremadamente rápido pero o seu aporte é inesgotable e importantísimo. Tendemos a esquecernos de que contamos con este motor cando adestramos, sempre escravizados polos números, ben sexa a velocidade ou os vatios, que nos impiden ver que estamos a desbotar un arma moi potente. Explico: estamos de acordo en que se queremos ir rápido imos ter que botar man das outras vías metabólicas, dos outros motores que son máis potentes, pero que teñen unha capacidade limitada no tempo, quero dicir: que os seus depósitos chegan a esgotarse. E aquí de todos é sabido que “as forzas son coma os cartos”, o que garda sempre ten. Quere isto dicir que canto máis sexas capaz de camiñar con este “motor Barreiros” máis vas ser quen de conservar intactos os depósitos dos outros dous para os momentos decisivos… xa sexa o final de carreira ou o tramo libre coa grupeta dos domingos.

De feito tal é a súa importancia que, co nivel actual, a principal diferencia entre un Sub23 e un Pro nas carreiras que comparten non é a cantidade de vatios que son quen de mover en “x” minutos, se non que ven sendo a capacidade de xerar forza por esta primeira vía metabólica ó longo da xornada, chegando ós momentos decisivos da carreira con aqueles outros depósitos de combustible aínda mediados para poder definir.

Funcionamento. As graxas que acumula o noso organismo serven como combustible, iso é así e se non o noso corpo non o faría, pero para obter enerxía delas a través do Ciclo de Krebs ten que entrar en funcionamento un proceso lento no cal diferentes hormonas (glucagón, hormona de crecemento, cortisol…) mobilizan estas graxas e as volcan no torrente sanguíneo para seren degradadas despois dentro das células.

Como curiosidade (e totalmente prohibido facer a proba eh): a potencia que é capaz de entregar o teu “motor Barreiros” é aquela que es capaz de seguir transmitindo ás bielas en hipoglicemia, é dicir, cando che pega o “tío do mazo”, que quedas sen gas pero para chegar a casa dá, non si?. Creo que isto pode dar unha boa idea do que supón esta vía metabólica, se pensas que podes facer que ese motor empuxe un pouquiño máis, que é de balde e che permite aforrar o combustible dos outros motores para poder marcar a diferencia cando chegue o momento. Dáste de conta da arma que supón?

A vindeira semana falareiche de como podes facer para mellorar nesta faceta, cando facelo, ideas ou estratexias sinxelas sen "fliparnos" e sen gastar diñeiro…

Lémonos aquí e saudámonos na estrada!

Podes atoparme en:
Strava: Botis
Facebook: TB Botis
Instragram: jbtorrado

Podes contactarme en:
jb.torrado@gmail.com

Podes unirte a:
Non plus flipare (grupo en Strava)
Puro Ciclismo, purociclismo, blog, ciclismo, giro, tour, vuelta, clasicas, bici, bicicletas, noticias, entrevistas, ciclocross, mtb, btt, cx, pista
"Barreiros Team" - Veloso, Blanco, Mosquera e Marque
Foto: cedida por Gustavo Veloso

Publicar un comentario

0 Comentarios