A NAVALLA DE BOTIS - Fascículo 8: Desmontando un deportista. Capítulo IV: imos facer que o teu 'motor Barreiros' empuxe de verdade

Durante os últimos capítulos vimos xa en detalle como funciona o teu organismo pola vía lipolítica (enlace), recapitulamos: aquel “motor Barreiros” que non é quen de levarte moi rápido pero que está empurrando en todo momento e nunca te deixará tirado…

Pois hoxe quero falarche mais polo miúdo de como podes quitar algo máis de rendemento a esta ferramenta, de como podes tratar de gardar esa ESPECIFICIDADE da que che falei no último capítulo no teu adestramento e deixar ó teu organismo o recado concreto para que aqueles “mecánicos alostáticos” dos que tamén falamos saiban por onde comezar.

Seguimos recapitulando e si lembras tamén che contei que, como a súa enerxía nunca se esgota, este motor é o que sigue tirando de ti cando che da “o tipo do mazo” e tes que chegar a casa en hipoglicemia. Pois se pensas nesas sensacións, se pensas ó ritmo ó que moves e as forzas coas que contas nesa situación para chegar a casa… atendendo a esa experiencia xa tes a chave para ti mesmo poder deseñar o teu adestramento… se nunca che pegou o tipo do mazo non te preocupes… xa che pegará… e non creo que teñas tampouco problema en entender o que segue.

Con isto que sabemos, que xa o sabías e che vai resultar moi útil, imos tratar de subliñar catro puntos básicos para que constrúas un bo “motor Barreiros”:

O momento pode ser importante. É un traballo que se adoita facer en pretemporada (logo dun mesociclo non específico) ou tamén en días de recuperación.

Respiración. Pensa nese último día que chegaches a casa “paxariño”, abofé que non viñas bufando coma un boi, non si? Trata de levar unha respiración relaxada, paseniño… e no momento no que non poidas tararear unha canción sen te cortar ou que teñas que facer unha pausa para coller aire se vas falando cun compañeiro, deberás levantar o pé.

Cambio. Ás veces nos pasa co cambio da bici coma os condutores cos intermitentes que non o usamos - Para este cachiño non vou quitar o parato… E cachiño a cachiño vas facendo camiño e un adestramento de recuperación se convirte en interválico. Cambia de chip! Usa o cambio. Tes dez, once ou doce coroas para escoller e non pasa nada por chegar a un repeito e quitar o parato. Evita poñerte de pés… algunha vez si, para aliviar o pandeiro.

Rolete. É unha relación amor - odio moi intensa, seino. Pero o caso é que o rolete é un aliado fantástico aquí. Con un esforzo tan lixeiro os repeitos parece que non acaban e cando saes á estrada tes que calcular ben os tempos, porque vas ir moitísimo máis despacio e o tempo nas rutas que coñeces pódese multiplicar x2. Unhas poucas sesións na casa, sobre todo agora que ven o mal tempo, poden ser un bo comezo para ir adaptándonos a este ritmo, e non o esquezas o día que volvas á estrada.

Pedalea baixando. Non te cortes aquí, tómate esa licenza. Tampouco te poñas a esprintar e lle digas ós colegas: “e que dixo Botis”... jeje! Pero insiste baixando, irás algo máis rápido e manterás aquela ESPECIFICIDADE tan importante no teu adestramento. Non te preocupes aquí se o teu pulso ou a sensación de esforzo aumentan e volve retomar as túas referencias ó rematar de baixar.

Para rematar quero darche un par de motivos para que penses en darlle o lugar que merece nos teus adestramentos a vía lipolítica.

Xa che contei noutro capítulo que era este “motor Barreiros” que non che permite ir rápido o que marcaba a día de hoxe a diferencia entre un Sub23 e un profesional. Se durante a carreira, marcha ou saída de domingo en cada repeito tes que botar man dos depósitos dos outros motores (fundamentalmente o de glicóxeno) chegarás achicado á parte decisiva. Cada metro que avances sen tirar man dos depósitos de glicóxeno (ou se o fas nunha porcentaxe menor) será unha vantaxe sobre o compañeiro/rival que si o teña que facer. Como é un motor que empuxa sempre, depende moi directamente do volume, pero sobre todo se non tes tempo para facer 20h semanais compre que respectes este PRINCIPIO DE ESPECIFICIDADE o mellor posible.

E un caso real. Que ó igual que Santo Tomas a todos nos custa crer as cousas sen meter o dedo na ferida. Aquí abaixo vos deixo unha mesma proba realizada nun mesmo ciclo ergómetro logo de tres tempadas adestrando de xeito específico.

Puro Ciclismo, purociclismo, blog, ciclismo, giro, tour, vuelta, clasicas, bici, bicicletas, noticias, entrevistas, ciclocross, mtb, btt, cx, pista

Podes ver que logo da evolución acadada o noso deportista pode pedalear á mesma intensidade á que antes subía un porto mantendo os depósitos de glicóxeno intactos para cando fagan falla. Ou como se sempre o vento soprase agora ó seu favor. Máis adiante falaremos deses "umbrais", de como se relacionan con estes “motores” dos que che vou falando e que acontece arredor deles.

Cres que con esta información es quen de implementar algunha estratexia nova nos teus adestramentos?

Lémonos aquí e saudámonos na estrada!

Podes atoparme en:
Strava: Botis
Facebook: TB Botis
Instragram: jbtorrado

Podes contactarme en:
jb.torrado@gmail.com

Podes unirte a:
Non plus flipare (grupo en Strava)

Publicar un comentario

0 Comentarios