A NAVALLA DE BOTIS - Fascículo 9: Desmontando un deportista. Capítulo V: O teu equipo de mecánicos (parte I)

A ver que creo que nos esta a quedar a mesa coxa e non me dis nada… por un par de veces xa che falei do “mecánico alostático” e sigo contándoche cousas aquí sen explicar a que me refiro con iso. Aquí como na escola, vale? quen teña algunha dúbida que levante a man. Imos por aquí (enlace).

No fascículo 7 faleiche un pouco de como o sistema nervioso goberna o teu organismo e de que ten dous modos: ON/OFF; cientificamente: simpático e parasimpático. Lembrarás que entraba en acción este segundo modo cando metíamos a nosa “máquina” no garaxe e aí comezaban a traballar os mecánicos que non só repoñen os depósitos e reparan os danos causados no adestramento, tamén procuran reforzar as partes máis febles e mellorar outras que poidan render de mellor xeito… creo que o símil se comprende ben e así podes tamén caer na conta do importante que pode chegar a ser falar a mesma linguaxe que os teus mecánicos.

Comezamos por un apunte conceptual: tradicionalmente falouse de “homeostase” para tratar de explicar o proceso de adaptación no adestramento deportivo. Esta homeostase fala dun ambiente interno estable no noso organismo onde se poidan iniciar todos os procesos metabólicos correctamente. O adestramento rompe este “estado estable” buscando certas adaptacións metabólicas e na recuperación volvemos a el.

Actualmente vai collendo vantaxe o termo “alostase” que fai referencia a que ese “estado estable” no teu organismo mantense a través de cambios fisiolóxicos (as pezas que cambia o mecánico), conductuais (distintas fases do adestramento) ou ambientais (a tempada de carreiras? por exemplo). Por iso che falo de “mecánicos alostáticos”, porque realizan o seu traballo ó longo da tempada ou de toda unha carreira deportiva en condicións cambiantes: distintas ferramentas, maior ou menor acumulación de tarefas, reducións de xornada, un ERE… todo canto poidas imaxinar que acontece nun taller real ten a súa similitude no taller dentro do teu organismo, e ten moita importancia que teñas unha idea de como traballan os teus mecánicos para poder entenderte con eles, poder mandarlle as instrucións concretas para que saiban as partes a mellorar da túa máquina e que poidan comunicarse tamén contigo se por algún motivo teñen falta de persoal… por exemplo.

Poida que che soe a frase: “non se mellora cando se adestra, mellórase cando se descansa”. Pois encaixa ben aquí. Se pensas no sistema nervioso, o que goberna todo o que acontece no teu organismo, e neses modos de funcionamento “ON/OFF” daraste de conta do importante que resulta respectar o traballo do teu equipo de mecánicos. Imaxinas o incómodo que pode ser nun taller ter ó dono do coche asexando por enriba do ombreiro a ver que fai ou deixa de facer o mecánico? Pois isto é exactamente igual, os teus mecánicos precisan a porta do taller pechada, que o sistema estea en OFF… para poder traballar augusto. Que che digo con isto? Que ler hoxe estas liñas esta moi ben, sobre todo si che resulta divertido e ameno (se o cres útil xa me conquistas!)... pero si estás dándolle voltas ó adestramento de mañá, preguntando ó adestrador polos datos de hoxe, comparándote en Strava con amigos ou rivais, etc; ten por seguro que o que estas a facer e deixar a persiana do teu taller a medio baixar…

Colle un bo libro, unha serie, vai tomar algo cun amigo ou senta a falar coa túa parella do importante que é para ti a pesar de que che vexa adicar tanto tempo á bici… aí estarás pechando ben esa persiana para que os mecánicos traballen tranquilos… e xa se consegues durmir algo máis e mellor sería como poñerlles unha cafeteira ó pé do elevador… que eles traballan toda a noite…

No vindeiro fascículo cóntoche algo máis sobre o que acontece no teu organismo durante a recuperación.

Lémonos aquí e saudámonos na estrada.

Podes atoparme en:
Strava: Botis BTS - RS
Facebook: Botis Bts - rs
Instragram: Botis.bts.rs

Podes contactarme en:
bts.rendementosaudable@gmail.com

Podes unirte a:
Non plus flipare (grupo en Strava)

Publicar un comentario

0 Comentarios