A NAVALLA DE BOTIS - Fascículo 13

Pasou algún tempo e 13 fascículos xa dende aquel 9 de setembro onde comecei a escribir aquí sobre un xeito moi especial de entender o adestramento deportivo: o meu. Con un pé nun aceno ó método de Guillermo de Ockham, do cal este espazo toma nome, e o outro pé posto sobre o coñecemento científico e a experiencia persoal; A NAVALLA DE BOTIS trata de abrir un oco entre as augas turbias que che falan de “rendemento” nas RRSS, porque de todos é sabido que “a río revolto ganancia de influencers”... pero este espazo que nos cede Puro Ciclismo non é para min, é para ti; é para tod@s vós, e non tería sentido se non che resulta de utilidade. Por iso quero adicar este momento a propoñerche algo novo.

Durante as últimas 12 semanas véñoche introducindo nesta visión do adestramento e do rendemento baseada na sinxeleza, en non fliparnos, en atender a cousas que levan funcionando durante décadas… non che vou falar nunca aquí dos últimos avances en investigación sobre rendemento coa intención de demostrarche canto sei sobre adestramento, porque non me interesa iso e a ti tampouco. Son preparador físico e ciclista, e sobre a bici sinto o que sentes ti, cando che falta o aire, cando queiman as pernas ou cando ves que te quedas…< verdade que dabas un pouquiño máis? Se houbeses aguantado aqueles 50m…> …e sinto paixón por canto fago, e por comprender como e por que acontecen as cousas.

Ó pouco de comezar con este blog propúxenche un esquema (enlace) coas partes ás que pretendía prestar atención… pero non é un camiño pechado e quero ir incluíndo nel as túas dúbidas e intereses e que vaiamos montando entre todos o puzzle… ben sexan cuestións sobre o que levamos avanzado ou sobre todo o que nos queda por percorrer. Ciencia, teorías, métodos… < - Oes Botis, como fago para lle quitar aquel KOM a meu veciño?> O que sexa que teñas en mente, seguro que quitamos algo de proveito para todos… e se quitamos algún KOM tamén mellor que mellor.

… dende algo que escoitaches na grupeta do domingo a un artigo que liches nunha páxina especializada, ben sexa para lle levar a contraria despois a un amigo ou para ver que pode haber de certo no que conta “vendemosgelesybarritas.com”... ti déixame a túa consulta sen medo.

Tamén valen as críticas, se algo non estou sendo capaz de transmitir con claridade, se cres que quedou algo no tinteiro… < - Estas sempre a comparar con motores e a min non me gustan os coches! > Dime cal é a túa afección e buscamos o símil que precisas (a non ser que o teu sexa a dinámica cuántica) …tamén desta parte coido que sacaremos cousas en positivo.

Se A NAVALLA DE BOTIS non é útil para ti non esta a cumprir co seu cometido nin coa ilusión que puxen na idea cando comecei…

Hoxe especialmente… lémonos aquí e saudámonos na estrada!

Podes atoparme en:
Facebook: Botis Bts - rs
Instragram: Botis.bts.rs

Podes contactarme en:
bts.rendementosaudable@gmail.com

Podes unirte a:

Puro Ciclismo, purociclismo, blog, ciclismo, giro, tour, vuelta, clasicas, bici, bicicletas, noticias, entrevistas, ciclocross, mtb, btt, cx, pista

Publicar un comentario

0 Comentarios