A NAVALLA DE BOTIS - Fascículo 15: presentamos o teu 'KERS'

A semana pasada introducía un novo tema na NAVALLA e comezaba a falar dunha nova vía metabólica que me gusta identificar como o teu “KERS”. Vou hoxe profundar algo máis nos motivos de empregar este símil e introducirte un pouco no seu funcionamento:

O substrato enerxético é distinto, por iso lle chamo “batería”. En esforzos tan curtos e intensos como falabamos xa no último fascículo (ex.: un sprint de 10 segundos) os teus músculos van empregar como substrato primeiramente o ATP celular, que vai durar un intre, e logo a fosfocreatina (FC) que acumulan os teus músculos. Utilizo o símil co KERS dos Fórmula 1 porque traballa de xeito semellante, a batería do coche de carreiras recupera a carga con cada freada mentres que o teu fígado vai repoñer os teus depósitos de FC tamén en pouco tempo sen que teñas que facer nada.

No símil falo dun motor suplementario, o KERS dos F1, por que? Ten tamén sentido muscularmente porque entran en acción as chamadas fibras rápidas ou fibras brancas que ó igual que o seu depósito enerxético específico, a batería, son quen de entregar moita potencia en pouco tempo pero entran en fatiga rapidamente. Xeneticamente un velocista ten maior porcentaxe deste tipo de fibras musculares… lembras que xa temos falado dos atletas Xamaicanos?

Respecto do adestramento específico, estouche a falar dun estímulo concreto… non debes pensar que só che interesa adestrar con este “motor” se queres mellorar o teu sprint. Lembras o “equipo de mecánicos” dos que che falei hai uns poucos fascículos? (fascículos 9 a 12) Facendo traballar o teu “KERS” no adestramento podemos agardar que ó baixar a persiana do taller se vaian poñer a traballar neste motor e na batería, pero tamén nas transmisións, na xestión electrónica… en fin cantas cousas se che ocorran dentro do noso símil mecánico, pero que as podes traducir nun feixe de reaccións metabólicas a nivel hormonal e enzimático que van afectar ó teu organismo dende o sistema nervioso ata o músculo esquelético.

No que toca á recuperación, este tipo de adestramentos non deixan moita fatiga metabólica pero estamos a traballar muscularmente con fibras diferentes das habituais e o substrato empregado tamén é diferente… por tanto a recuperación terá tamén matices con respecto á recuperación dun adestramento de fondo.

Sigo contándoche sobre o teu “KERS” no vindeiro fascículo e profundando sobre estes puntos que che veño de introducir e como podemos estimular a súa mellora mediante o adestramento.

Lémonos aquí e saudámonos na estrada!

Podes atoparme en:
Facebook: Botis Bts - rs
Instragram: Botis.bts.rs

Podes contactarme en:
bts.rendementosaudable@gmail.com

Podes unirte a:

Publicar un comentario

0 Comentarios