A NAVALLA DE BOTIS - Fascículo 16: cando o teu 'motor' entra en reserva; 'reserva funcional' by David Morales

Continúo a contarche sobre a vía metabólica dos fosfáxenos, o teu “motor KERS”, e esta semana propúxenme falarche dos adestramentos que máis énfase fan nesta vía… non che digo que sexan xeitos de “adestrar este motor” porque as adaptacións que podes acadar van máis alá, como con cada tipo de adestramento, afectan a moitos máis planos da túa saúde e do teu rendemento, e contareiche algunha das máis relevantes dentro dun par de fascículos.

Hoxe comezo a falarche do xeito no que podes estimular esta vía metabólica durante os adestramentos e como che veño explicando con este símil que fago entre vías metabólicas e motores ata o de agora: primeiro comprendemos a forma que ten de traballar o “motor” en cuestión (cousa que fixemos no anterior fascículo) e así non será difícil buscar formas de estimulalo que ti vas ser capaz de ir discorrendo aparte das que eu che propoña. Basicamente farémolo traballar de xeito progresivo coa intención de baleirar o depósito as máis veces posibles… para que os “mecánicos alostáticos” busquen un depósito de máis capacidade (neste caso unha “batería de fosfocreatina”).

Pero neste fascículo vasme permitir que faga unha paréntese necesaria, verás po que: casualmente a pasada semana David Morales Álamo publicaba un interesantísimo traballo en FISSAC sobre un concepto novidoso que o seu equipo de investigación ven de introducir e que deron en chamar “reserva funcional”... a bo seguro que comezaras en breve a escoitar e ler sobre el… pero iso será noutros foros, A NAVALLA DE BOTIS pretende que comprendas catro mecanismos sinxelos polos que se rixe o teu organismo para que poidas organizar os teus adestramentos dun xeito coherente, saudable e que che permita mellorar o teu rendemento.

O traballo do equipo de Morales é interesante porque ven de demostrar que os depósitos dos teus “motores” (aquí: o “Barreiros”, o “V-Tec” e o “KERS” segundo a vía metabólica) non se esgotan cando desistimos nun test incremental, dito doutro xeito: cando te cortas en carreira, cando te rendes tratando de facer un KOM ou cando te soltan na grupeta do domingo subindo un porto non é porque te quedes sen combustible, de aí o concepto de “reserva funcional” que podemos entender como o que o organismo garda para tratar de asegurar a vida e a integridade física… gústame moito o concepto porque acae moi ben dentro do meu símil “motorístico”, xa que como ben sabes o teu coche tamén entra en reserva: prende unha luz no cadro e se che colle nunha viaxe e non sabes se hai preto unha estación de servizo seguro que levantas un chisco o pé do pedal… pois algo similar pasa no organismo. Un apunte para vós chicas: non se observaron diferenzas entre homes e mulleres nos ensaios deste estudo, se cadra chegaron un pouco máis lonxe os chicos nun primeiro esforzo pero máis por cabestros que por capacidade.

E de aquí podes, como sempre, apurar o símil canto queiras: haberá quen sexa quen de arriscar uns quilómetros máis porque na vindeira estación de servizo o gasóleo esta máis barato e quen pare xa incluso antes de entrar na reserva por se acaso… este sería o plano máis psicolóxico da fisioloxía, e cando buscas achegarte ó límite do teu rendemento a cabeza tamén xoga o seu papel… e o seu papel “non é pataca menuda”, José Caneda DIXIT. Podes pasar isto mesmo á bici e pensar na etapa do Granon onde Vingegaard destronou a Pogacar, podes facer un feixe de análises sobre esa etapa, pero o danés a bo seguro foi quen de apurar un pouco máis a súa reserva (glicolítica neste caso, a do “motor V-Tec) e unha vez que se abre ese oco xa só pode medrar… máis adiante adicaremos tamén algún fascículo a esta parte psicolóxica.

Sexa como sexa, o momento no que levantas o pé do pedal é sempre o mesmo para ti. O adestramento que estimula o teu “motor KERS” busca chegar a ese punto (ben sexa baleirando o depósito, ou como acaba de demostrar Morales cando se prende a luz no cadro) e facelo tantas veces como poidas… e seguro que co paso do tempo poderás escoller unha estación de servizo con mellores prezos… queres que che conte como podes facelo?

Lémonos aquí e saudámonos na estrada!

Podes atoparme en:
Facebook: Botis Bts - rs
Instragram: Botis.bts.rs

Puedes contactarme en:
bts.rendementosaudable@gmail.com

Podes unirte a:

Publicar un comentario

0 Comentarios