A NAVALLA DE BOTIS. Fascículo 17: como melloramos o teu motor eléctrico?

Vou esta semana con unha parte práctica desas que máis che gustan normalmente. Vou tratar de contarche algún xeito sinxelo de mellorar unha parte do teu organismo traballando esta vía metabólica da que estamos a falar as últimas semanas: a vía dos fosfáxenos… o teu “motor KERS”.

Lembrareiche sempre que tratemos de levar á práctica o que che expoño aquí aqueles fascículos (nº 9 a 12) onde falamos do teu “equipo de mecánicos” nos que che falaba de como o teu organismo mantén o equilibrio entre estres e recuperación e das estratexias para ir facendo mellorar a túa maquinaria.

Lembra tamén que a pasada semana introduciamos o novidoso concepto de “reserva funcional” que pode revolucionar moitas áreas do coñecemento sobre rendemento deportivo pero no meu entender non fai perder vixencia a estudos clásicos que se veñen empregando no adestramento durante décadas… e ademais encaixa á perfección no símil “motorístico” que estou a empregar contigo nesta serie de fascículos.

O caso é que alá por 1987 Hultman e colaboradores analizaron como era a taxa de re-síntese de fosfáxeno muscular logo dun sprint máximo e acharon que a “batería do teu KERS” volvía estar ó 100% logo de 180 segundos. Como che afecta isto? imos por partes:

1. Para que os “teus mecánicos” entendan que precisas unha “batería” máis grande e se poñan mans á obra en canto lle “baixes a persiana do taller” tes que baleirala moitas veces durante un adestramento.

2. Agora sabemos grazas a David Morales que esta “batería” non podemos baleirala por completo, tal como che expuxen no último fascículo.

3. A mensaxe que reciben os “teus mecánicos” é a mesma: precisas unha “batería” máis grande porque fixeches que chegase ó límite que o teu organismo lle ten marcado como <seguro>.

4. Xa na concepción clásica se viña entendendo que o deportista non é quen de baleirar os depósitos de fosfocreatina nun só esforzo pola incapacidade de seguir xerando forza a esa intensidade máis alá dos 12 - 15 segundos.


Sabemos que a “batería” volve estar ó 100% ós 180¨ pero, como se ve na gráfica non recarga de xeito homoxéneo se non que no primeiro minuto xa estaría ó 75%. Isto ten sentido se o poñemos en relación co concepto de “reserva funcional” e a urxencia do organismo por afastarse dese límite ó que o levamos cos estímulos do adestramento, sempre que sexan correctos.

Pois ben. Si en 60¨ de recuperación restan por repoñer o 25% dos depósitos de fosfocreatina (a carga da batería) e nese momento fas outro sprint máximo no que volvas baleirar todo canto voluntariamente podes estes depósitos e repites outras dúas veces máis… 25 + 25 + 25 + 25 = 100%, e terás baleirado a “batería” o máximo do que es capaz para que os “teus mecánicos” reciban a mensaxe que lle querías enviar.

Ollo! Isto dentro dun contexto. Por exemplo: sen un traballo previo onde te vaias aproximando a este estímulo e traballando a capacidade de mover a máxima potencia neses +- 10¨ o sinal que envíes ós “mecánicos” será totalmente distinto… PRINCIPIO DE PROGRESIVIDADE, lembras? Si che interesa incluír algún estímulo deste tipo nos teus adestramentos de xeito eficiente e non sabes de como levar este proceso escribe sen dubidalo ó contacto que che deixo abaixo… podemos ampliar máis detalles e si vemos que nos resulta útil podemos compartir nun novo fascículo as túas aportacións.

Lémonos aquí e saudámonos na estrada!

Podes atoparme en:
Facebook: Botis Bts - rs
Instragram: Botis.bts.rs

Podes contactarme en:
bts.rendementosaudable@gmail.com

Podes unirte a:

Publicar un comentario

0 Comentarios