A NAVALLA DE BOTIS. Fascículo 18. Continuamos preparando o teu KERS

Como foros esas Festas? Trouxeron moitas cousas os Reis?... algo farías…

Pois non imos perder o fío e vouche seguir contando sobre esa vía metabólica que entra en funcionamento cando máis intensidade precisamos en apoio dos teus outros “motores”, da que só podes botar man durante uns poucos segundos e que se repón sen que teñas que facer máis nada… por todo isto che digo que é coma esa batería extra dos Fórmula 1.

Hoxe veño a falarche dun complemento da bicicleta para o adestramento dun ciclista sobre o cal, aínda non sei ben por que, pesa a lousa das dúbidas e dos falsos mitos: o adestramento de forza.

No tempo que levo interesándome polo mundo do adestramento deportivo, moi especialmente o do ciclismo, nunca deixei de escoitar opinións que desacreditan a súa implementación:
▶Non metas moito peso.
▶O ciclista non quere músculo, menos no tren superior.
▶Forza só en pretemporada.
▶Vólveche torpe.

O adestramento de forza é básico para calquera deportista.

A nivel metabólico, de rendemento e de saúde… provoca distintas adaptacións hormonais, mellora a capacidade física xeral e o traballo compensatorio prevén lesións e molestias posturais.

O traballo de forza comeza en pretemporada, si, mais traballar a forza non é facer 80 sentadillas porque aí comezan a queimar as pernas. Para traballar a forza hai que facer forza! Hai que traballar con intensidade e mover peso. O pensamento de que un ciclista compite durante horas e por iso ten que facer moitas repeticións é un grave erro. E aumentar a túa forza máxima non vai ir en detrimento do teu rendemento a intensidades submáximas. A cousa funciona máis ben así: canto máis alta sexa a máxima potencia que eres quen de acadar menos che vai custar ir no pelotón en carreira, no Gran Fondo ou na grupeta dos colegas o domingo, porque estarás a usar unha porcentaxe menor do teu máximo. Explícome?

O traballo de forza non debes abandonalo ó comezar a tempada. Outro mito di que só hai que traballar no ximnasio (ou na propia casa) antes de que de comezo o curso de probas deportivas e de aí en diante, se acaso, algo de tren superior. Pois ben, todo canto constrúas no período preparatorio - poñamos que pasaches de ser quen de mover 1.000w a 1.200w - para o cal vas precisar dun minimo de 8 semanas vas comezar a perdelo ós 15 días… que putada! Pero tranquilo que non todo son malas novas, e con que manteñas unha sesión de forza semanal vas conseguir manter todo ese potencial.

O traballo de forza non só serve para esprintar máis rápido. Son numerosas as vantaxes de aumentar a forza e a capacidade muscular, incluso no tren superior. Ademais das vantaxes do traballo compensatorio á hora de previr lesións e outros vouche dar un último motivo para te convencer: ti xa sabes que cando aumenta a intensidade e o osíxeno que aportan os teus pulmóns non é abondo para queimar todo o glicóxeno que precisas, o teu organismo comeza a utilizar outra vía metabólica (coa que comezaremos en vindeiros fascículos) que da como resultado a acumulación de lactato, que non é máis que outro combustible que o teu organismo pode utilizar para seguir xerando enerxía, mais precisa un paso previo no cal o convirte en piruvato. Vale pois este paso previo para re-utilizar o lactato como combustible no Ciclo de Krebs lévase a cabo nas células musculares, e aquí ven o importante: en todas! Porque unha parte dese lactato circula polo torrente sanguíneo para removerse a piruvato en peitorais, bíceps… que pasan nese momento a colaborar a produción desta fonte de enerxía.

Son catro aproximacións as que che deixei aquí sobre o traballo de forza para ciclistas, pero non me fagas caso a mín, déixoche o enlace para que poidas escoitar a un dos maiores especialistas sobre o traballo de forza, J.J. González Badillo, falando de adestramento para ciclistas con Manu Sola… aprovéitao porque temos unha fortuna inmensa de poder escoitar así a expertos deste nivel.


Lémonos aquí e saudámonos na estrada!

Podes atoparme en:
Facebook: Botis Bts - rs
Instragram: Botis.bts.rs

Podes contactarme en:
bts.rendementosaudable@gmail.com

Podes unirte a:

Foto: www.entrenamiento.com

Publicar un comentario

0 Comentarios