A NAVALLA DE BOTIS. Fascículo 20, o mito do traballo de forza

Vale, e para rematar xa con esta vía metabólica da que che veño falando vouche contar un pouco os resultados, é dicir, as adaptacións e beneficios que podemos agardar do adestramento específico da forza máxima, ben sexa no ximnasio ou sobre a propia bici.

Para comezar, se tes superado coma min xa a barreira dos 40 debes ter en conta que a pantasma da sarcopenia comeza a sobrevoar sobre a túa cabeza. Un dos primeiros sintomas da senectude é a perda inevitable de masa muscular, algo do que convén ser conscientes e lembrar que cada vez o adestramento de forza será máis importante na nosa vida fronte a outro tipo de actividades.

A nivel óseo tamén se producen certas adaptacións que no caso dos ciclistas son dignas de ter en conta xa que a falta de impacto no noso deporte favorito fai que a saúde dos nosos ósos non estea á altura da de outros deportistas noutras disciplinas. O traballo de forza, especialmente cun carácter de esforzo alto pode botarnos un cabo aquí e xa non digamos si eres muller xa que, entre as múltiples desvantaxes coas que xogas respecto dos homes a osteoporose seguro que é unha das preocupacións que tes en mente.

Entrando xa nas adaptacións propiamente ditas as vantaxes do adestramento específico da forza que se teñen contrastado son innumerables:

Mellora a economía do exercicio.
Mellora a capacidade anaeróbica.
Aumenta o umbral de lactato.
Retrasa a aparición da fatiga.
Aumenta a potencia máxima.
Si, mellora o rendemento en probas de resistencia.

Tes que reparar nun detalle: se a máxima potencia que podes acadar son 1.000w e vas rodando nun pelotón a 250w, estas a dar o 25% da túa potencia máxima… doado, non si?

Vale, imos poñer que durante unha tempada con adestramento axeitado e ben executado eres capaz de aumentar a túa capacidade de xerar potencia sobre os pedais e sobes a túa potencia máxima ata 1.200w. Se agora te volvemos poñer nese mesmo pelotón rodando a 250w irás a algo menos do 21% da túa potencia máxima… é probable incluso que pasases de ir a principio de tempada por enriba do primeiro umbral a ir, logo deste traballo específico, no medio dese mesmo pelotón arreglándote só co “motor Barreiros” do que falamos nos primeiros fascículos, isto é: sen gastar unha pinga do glicóxeno que vas precisar nos momentos decisivos.

Agora segues a pensar que o traballo de forza non é para ti?

Se che quedou algunha dúbida ou queres saber máis de como traballar especificamente estas cualidades non dubides en escribir ó contacto que tes abaixo… de non ser asi, lembra:

Lémonos aquí e saudámonos na estrada!

Podes atoparme en:
Podes contactarme en:
bts.rendementosaudable@gmail.com

Podes unirte a:

Foto: New York Daily News

Publicar un comentario

0 Comentarios