A NAVALLA DE BOTIS. Fascículo 22, 'Comeza porto'

“COMEZA PORTO”
Como era de agardar María entra ben colocada na roda de tres compañeiras que forzan o ritmo e estiran moito o que queda do grupo… logo dese primeiro esforzo unha delas xa se abre nas primeiras ramplas, eu consigo manterme na roda da miña rival como era o meu obxectivo neste punto.

As dúas compañeiras que lle quedan van marcando o ritmo que lles vai indicando María, quedan 7 km de subida e xa vou no límite, con este tren vanme sacar de punto axiña. A subida é tendida, a min vanme moito mellor cando hai algunha zoa de descanso, pero xa sabiamos que podía pasar isto… na miña cabeza da voltas o espectáculo que deron as chicas nos últimos 20 km, fixeron un enorme traballo e puxeron a carreira patas arriba, pero estas rapazas están fortísimas e ademais María estivo moi atenta…

Non podo máis, este ritmo é moito para min, non dou atopado a postura sobre a bici, levo máis dun quilómetro facendo a goma e non van levantar o pé… non pode ser, asi non!

Saímos dunha curva pechada, María acaba de mirar atrás, igual está pensando en arrancar… pois antes vou eu! Baixo dúas coroas, agárrome abaixo do guiador e póñome de pé… Vamos!!! Arranco con todo, o que aguante… non vexo ningunha roda polo rabo do ollo aínda… Veña!!! Baixo outro dente e aperto un pouco máis, non mires atrás carallo!

Aí quedou canto tiña… volvo subir coroas e sento o cu… non sei se queiman máis as pernas ou o peito, collo canto aire podo xusto antes de mirar polo rabo do ollo e ver que a poucos metros xa se achega María, imperturbable coma sempre. É imposible… pero ven soa, ostras!!!

Vaime pasar coma un avión, vou quedar tirada coma un lixo… chega á miña altura e mírame, semella que dubida un pouco pero volve marcar o seu ritmo. Eu póñome na roda o máis rápido que podo e sinto por todo o meu corpo o pelexo de galiña… o ritmo volve ser moi duro, pero o pouco aire que puiden coller mentres me volvía coller parece que me deu algo de vida. Algo arde dentro de min, sinto moitísima calor que se acrecenta aínda máis cos berros que escoito polo “pinganillo” dos cales só acerto a distinguir - últimos 3 km!

Preciso volver a coller aire, asi que faite a un lado María porque vou por máis! Arranco con un puntiño menos que antes porque levo algo de medo pero cando miro atrás parece que lle está a custar algo máis chegar esta vez… agora teño claro o que me toca: - colle todo o aire que poidas e prepárate. En canto chega á miña roda volvo baixar unha coroa e arranco de novo, xa non hai violencia neste cambio de ritmo, pero cando menos que sexa evidente, que o note, que teña que vir por min… deixo que chegue a min de novo preparando outro máis, cada vez cústalle máis pero non quero que deixe de vir por min, que me vexa a tiro… volvo repetir a manobra pero gardándome algo máis, quero que confíe en que pode chegar a min… estás no meu xogo amiga!

Vale, esta vai ser a boa! Ó fondo vexo a pancarta do último km e teño claro que vou ir con todo xa. Espero que me colla por última vez buscando coller todo o aire posible. Cando chega a min volvo arrancar, agora con todo, con toda a carraxe, vai por vós chicas!!! Non miro atrás pero estou segura de que non fixo nin o máis minimo aceno de vir por min, esa calor novamente dentro de mín me provoca a baixar un dente máis, último arreón e a buscar o meu ritmo que hai que chegar arriba… sinto que estou a facer dano pero necesito mirar atrás. Ven moi lonxe, pode haber cerca dos 20” que nos separan na xeral aí, pero este km vaise facer eterno. Agora si que non teño máis, a cabeza quere parar pero o corazón me sigue levando… trato de centrarme nada máis que nas pingas de suor e saliva que caen sobre a barra superior do meu cadro…

Non paro de mirar atrás, María ven aí, cada vez máis preto e volve ter axuda. Vaime coller… joder, veña Sara! Polo menos a etapa, polas chicas, vamos!!! Sigue aí, non se ven abaixo. Ven por min… creo que miro máis atrás que pra diante. O son da voz do speaker en meta está empuxando as bielas agora tanto coma min… non me colle, non me colle…


A voz da miña nai chorando mentres me aperta entre os seus brazos me devolve á realidade… isto é indescritible, - quérote mamá!

María dáme os parabéns e me volvo directa á meta a agardar polas chicas.

Ilustración: Julia Torrado

Espero que che gustase a historieta, daraste de conta que che estou introducindo en todo canto imos falar nos vindeiros fascículos, no funcionamento dese “motor V-Tec” que supón os distintos modos que temos de utilizar o glicóxeno. Un mundo fascinante con centos de matices e posibilidades que poden dotar a quen as coñeza de armas verdadeiramente poderosas.

Atento á vindeira entrega que comezamos!

Lémonos aquí e saudámonos na estrada!

Podes atoparme en:
Podes contactarme en:
bts.rendementosaudable@gmail.com

Podes unirte a:

Publicar un comentario

0 Comentarios