A NAVALLA DE BOTIS. Fascículo 29, cuantificación de carga externa sen potenciómetro I

Xa che falei dos distintos “motores” cos que contas, as distintas vías metabólicas das que o teu organismo obtén enerxía, basicamente falamos de como funcionan e a que intensidades se van activando e complementando.

Tamén che expliquei que as melloras e adaptacións que consigas van depender do traballo do teu “equipo de mecánicos” que se poñen mans á obra cando descansas para mellorar aquelas partes da túa “máquina” que lles fixeches ver durante o adestramento que precisan de mellora.

Esta mensaxe que debes deixar na “folla de traballo” deses mecánicos (estou a falar dos mecanismos do teu organismo para recargar depósitos de substratos, reparar danos musculares… en fin: mecanismos homeostáticos, se queres buscar por aí) chámase ‘carga’.

Podes ver esta carga como calquera traballo, xa que estamos nun “taller” podo poñerche o exemplo de que se un mecánico con 15 anos de experiencia pode facer 10 cambios de aceite nunha xornada un rapaz recen chegado fará a metade. Comprendes a importancia de poder cuantificar esa carga e individualizala?

Existen dúas formas de cuantificar esta carga en función de onde se poña o punto de atención, así falamos de carga interna e carga externa. Xa sabes que aquí non nos poñemos excesivamente técnicos, de modo que diremos que: a carga interna expresa o estres real que sufre o teu organismo, o máis habitual é medila coa frecuencia cardiaca… é o conta-revolucións do teu motor; a carga externa expresa o traballo que estás a realizar (no noso caso a forza sobre as bielas) aquí a medición adoita facerse en velocidade ou máis actualmente en vatios… é o velocímetro da túa máquina.

Así explicado é doado ver que o obxectivo do adestramento ten que ser subir a cifra do “velocímetro” mentres a do “conta-revolucións” sube o menos posible.

Para adestrar a intensidades por baixo do teu umbral o mellor indicador vai ser sempre a frecuencia cardíaca, algo que xa temos visto e incluso algunha ferramenta máis, pero para poder adestrar a determinadas intensidades por enriba dese umbral a FC non é un bo indicador, pódese ver afectado por condicións climatolóxicas, ambientais ou de fatiga e ademais os cambios de intensidade nunha FC moi elevada poden ser casque imperceptibles; logo compre acudir a medidas de carga externa.

Dende a proliferación dos potenciómetros semella que o único xeito posible de medir esta carga externa é facerse con un aparato caro e que require un certo coñecemento para a súa utilización… que hai por aí ciclo-turistas con “números” de profesional no seu Garmin… jejeje

Se falas co teu adestrador e che dí que precisas un destes artiluxios fantásticos para poder adestrar podes ter por seguro que o que non quere é pasar traballos contigo… hai un feixe de métodos para medir esta carga externa, o famoso Dr. Ferrari empregaba o “valor de ascensión medio” (VAM) para medir esa carga externa nos seus deportistas (un valor que aínda podes ver nos resumos de actividade de Garmin ou Wahoo). No caso do ciclismo a velocidade non nos serve como medida de carga externa, como no atletismo ou a natación, polas propias características do noso deporte… pero podes por ti mesmo cuantificar esa carga correctamente e facer de cada saída algo máis divertido ben sexa con amigos ou empregando ferramentas como Strava…

Lémonos aquí e saudámonos na estrada!

Podes atoparme en:
Podes contactarme en:
bts.rendementosaudable@gmail.com

Podes unirte a:

Imaxe: Merkabici.es

Publicar un comentario

0 Comentarios