A NAVALLA DE BOTIS. Fascículo 30, cuantificación de carga externa sen potenciómetro II

Se no último fascículo che contei que iamos tratar de cuantificar a carga de adestramento de xeito externo sen utilizar potenciómetro, liberándonos asi das ataduras e oscilacións da frecuencia cardíaca, hoxe vou comezar a argumentar a miña proposta. Quero dicir: se che vou propoñer un sistema que considero útil, sinxelo e gratuíto para cuantificar as túas propias cargas de adestramento vexo lóxico comezar por expoñerche en que me apoio, xa sabes que non me gusta poñerme moi técnico aquí pero non che vou propoñer que probes algo sen tratar de que comprendas como chego a esta proposta; e vouno tratar de facer, en coherencia coa propia filosofía da NAVALLA, do xeito máis sinxelo e directo posible. E vou comezar por “desmitificar”...

Se adoitas ler ou escoitar cousas sobre adestramento ciclista poida que esteas máis afeito ca min a novidosos termos e métricas e que esteas convencido de que o primeiro que hai que facer é mercar un potenciómetro. Sinto desalentarte nas túas ansias consumistas pero penso que sería xusto que alguén máis afirmase con claridade que moitas das métricas que ofrecen estes “enxendros” da alquimia tecnolóxica que son os software de análise de adestramentos (WKO5, Golden Cheetah, Garmin Connect, etc…) teñen algunha chata:

Non están validados cientificamente. Isto é, que non hai suficiente evidencia de que o algoritmo proposto polo seu autor estea a reflectir unha realidade en moitos dos casos.
Están sometidos a unha enorme marxe de erro. Un potenciómetro mal calibrado, un pico falso, un “cero”... algúns poden ser detectados e corrixidos a posteriori con máis ou menos traballo e outros non.
Coma os alimentos: canto máis procesado, de peor calidade. Un medidor de potencia ofrece unicamente dous datos: a forza expresada en newton/metro e a velocidade angular das bielas ou cadencia. Deses dous parámetros obtense a potencia en vatios e de aí en diante engadindo ingredientes, procesamento e máis erro vanse obtendo os restantes datos.
Que che vou contar cando algunha métrica cruza distintas medicións coma vatios/kg?, onde incluímos o marxe de erro da báscula, o peso líquido perdido durante un adestramento longo, etc; ou parámetros de eficiencia que relacionan W/FC? que se ven afectados polos erros de medición do potenciómetro sumados ós do medidor de FC.

Non estou mexando polos medidores de potencia, quede isto claro, pero como calquera ferramenta require de coñecementos e tempo de traballo para que o resultado final sexa óptimo (aínda que merques un robot Rumba vas ter que repasar tí despois). Aínda asi estarás a pensar agora no compañeiro de clube obsesionado con tantos ou cantos vatios en tal subida.

Quedamos en que non hai evidencia suficiente sobre a validez de moitos destes métodos pero si hai, e plenamente, sobre os PRINCIPIOS BÁSICOS do adestramento que levan mostrando a súa validez dende hai moitas décadas e que calquera deportista pode comprender e aplicar con éxito de resultados. Se vas cortar un pino e queres saber ata onde vai chegar ó caer podes mercar un custoso aparato que che faga a medición ou utilizar o teorema de Pitágoras, o caso é que non che vaia ó tellado do veciño. Hoxe expóñoche tres PRINCIPIOS FUNDAMENTAIS que resultan elementais e falaremos en vindeiros fascículos de como aplicalos de modo sinxelo, eficaz e gratuíto:

INDIVIDUALIZACIÓN. Este principio fálanos do punto de partida da viaxe cara os bos resultados, do camiño a tomar, das dificultades que aparecerán durante a peregrinaxe e que van ser radicalmente diferentes para todos e cada un de nós. Non che vou dar a miña opinión sobre os “adestramentos enlatados” que se mercan como receitas máxicas por internet, non si?

PROGRESIVIDADE. O obxectivo do adestramento é que te poñas máis forte, si ou non? logo a carga que poidas soportar vai ser cada vez maior, non si? Se fas sempre o mesmo non esperes un resultado distinto, que dicía Einstein. E onde comezamos? proba a volver ó parágrafo anterior.

ESPECIFICIDADE. Sempre che conto que o teu organismo é unha máquina, que non vai render ó máximo se ten algunha parte máis feble, por exemplo: a túa lumbalxia non vai poder soportar unha alta carga de adestramentos cando se aproxime o obxectivo da tempada pero ollo porque acumularás fatiga de máis se na semana antes da proba votas horas no ximnasio…

De cada un deles heiche ir ampliando o que che conto e propoñéndoche como podes integralos de xeito sinxelo para adestrar mentres te divirtes e obtés bos resultados á par que descobres cousas novas sobre algo que che apaixona.

Lémonos aquí e saudámonos na estrada!

Podes atoparme en:
Podes contactarme en:
bts.rendementosaudable@gmail.com

Podes unirte a:

Imaxe: Bernard Hinault - Fonte: skodawelovecycling.fr

Publicar un comentario

0 Comentarios