Alejandra Neira dálle a primeira medalla a Galicia nos Campionatos de España en Cartagena

A santiaguesa conquistou a segunda posición na contra o reloxo cadete.
Prata de lei para a Selección de Breogán na apertura dos Campionatos de España Escolar e Júnior en Cartagena. A santiaguesa Alejandra Neira acadou este xoves o segundo posto na contra o reloxo individual cadete. Nesta primeira xornada de competición en terras murcianas un total de dez ciclistas luciron as cores de Galicia.

O combinado da Federación Ciclismo Galego defendía título na CRI cadete feminina. O ano pasado María Filgueiras conseguiu a medalla de ouro e a un paso de sucedela quedou Alejandra Neira. A corredora do Cambre-Renault Caeiro, de primeiro ano na categoría e vixente campioa autonómica da especialidade, completou os 12 quilómetros de percorrido en 18 minutos e 20 segundos, un rexistro que mellorou en 32" a gran favorita Paula Ostiz (Naarro). Ao terceiro chanzo do podio subiu Irene Moreno (Comunidad de Madrid), superando en 11" a marca da ciclista de Santiago de Compostela. A outra representante de Galicia nesta proba, Irene Signo, clasificouse novena.

Entre as dez primeiras tamén rematou María Filgueiras na 'crono' júnior. A raíña cadete no 2022 asinou un notable resultado no seu primeiro Campionato de España de Contra o Reloxo como xuvenil. Para cubrir unha distancia de 21 km investiu 33'06", o que lle outorgou a sexta posición, a 25" do bronce.

Categorías masculinas
No que respecta ás categorías masculinas, o cuarteto cadete da Selección de Galicia -formado por Diego López, Víctor Delgado, Mario Bouza e Adrián García- logrou outro top-10 ao finalizar décimo. Na CRI da mesma categoría Anxo Delgado fixo décimo quinto e na competición individual júnior Sergio Calvo e Tomás Pombo ocuparon a décimo terceira e a 35ª posición, respectivamente.

Este venres, na segunda das catro xornadas de actividade en Cartagena, chegará a quenda no Campionato Escolar das carreiras en liña para cadetes e infantís. Por parte da Selección de Galicia participarán catorce ciclistas. As categorías juniors descansan ata o domingo.

Foto: Cedida FGC

Publicar un comentario

0 Comentarios