A NAVALLA DE BOTIS. Fascículo 37, volver comezar?

No último fascículo faleiche de “desaprender” e non estaba máis que a introducir unha idea que che veño ampliar hoxe.

Se ves seguindo a NAVALLA tempo atrás saberás que che teño exposto o funcionamento do teu organismo de maneira esquemática dividíndoo en partes e expoñendo as vías metabólicas unicamente como se falaramos de distintos “motores”. Coido que é un xeito útil para comprendermos como obtén enerxía a “nosa máquina” mais hai que ter en conta que non somos máquinas para evitarmos caer no reducionismo.

É común observar o seguinte pensamento erróneo: como nunha proba de esforzo obtiven X números, a X´ vatios ou X¨ frecuencia cardíaca estou utilizando tal substrato enerxético, implicando estas ou aquelas fibras musculares ou naquel porcentaxe determinado do meu consumo máximo de O2… e polo tanto… Y, Z ou J.

Pois non! Imos con outra metáfora. O TEU ORGANISMO É UN RESTAURANTE:

Como hai tempo que abrimos ó público e tratamos ben ó persoal o funcionamento e a atención á clientela é óptima. As referencias en Google son excelentes. Hai días de traballo moi distintos, unhas veces énchese o salón en días de menú aumentando a presión na cociña e os días nos que hai fútbol traballamos moito máis na barra. Como o persoal leva tempo connosco saben adaptarse e prever estas situacións.

Este sábado hai feira e antes de abrir pola mañán xa se nota: varias fontes de empanada xa cortada na punta da barra, dous barrís de cervexa sen abrir estorban ó pasar, un capacho extra para o lixo e as potas todas ó lume xa a primeira hora… a “frecuencia cardíaca” do local está máis alta esta mañá.

Abrimos o comedor e comeza a sentarse a xente. Todos veñen con fame e moita sede pola calor. As primeiras mesas son atendidas con rapidez, pero ós poucos as comandas vanse acumulando na cociña e o xefe entra a botar unha man. Isto provoca que sobre a barra se vaia acumulando louza sen lavar pero como temos ó persoal ben preparado o barman faise cargo tamén do lavalouzas mentres prepara as bebidas que lle canta o camareiro de sala.

Chegamos ás dúas da tarde, hora punta. Algunhas bebidas saen con retraso xa cara as mesas porque a barra está chea, os afeccionados á Fórmula 1 queren ver as cualificacións e mentres o barman tira a enésima caña… plof! Unha ducha de escuma alértao de que hai que cambiar o barril da cervexa. O compañeiro non entra xa na barra a botar unha man porque ten pratos enfriando sobre a mesa da cociña.

O lavalouzas está cheo e na barra acumúlase a louza. Hai comandas sen atender na cociña e mesas pedindo a conta dende hai xa uns minutos. O barman ten á xente atendida e pode cobrar e preparar de novo esas mesas para sentar a novos comensais. Aínda que todos teñen traballo pendente no seu posto están ben adaptados a esta carga de traballo e van cubrindo as demandas que se lles presentan.

Agora a feira “cambia o ritmo”, entra pola porta unha excursión do IMSERSO pedindo mesa para 15. O persoal reorganízase de novo: o barman xunta e monta varias mesas, o xefe na cociña apura a cortar pan, o cociñeiro repasa as racións que quedan de cada prato e adianta a sacar xénero do conxelador, o camareiro de sala apura a tomar nota das bebidas ó grupo que aínda non pasou ó comedor mentres vai cobrando consumicións pendentes na barra, hai mesas sen recoller na terraza.

O equipo de traballo do restaurante está ó límite e pola porta asoma un grupo de gaiteiros que queren picar algo rápido porque teñen que estar a tocar de novo en media hora…

Non podemos atendelos.

Como ves fúmonos adaptando ás demandas do traballo para dar atendido á xente, como estamos ben preparados cada traballador é capaz de realizar diversas funcións, non son compartimentos estanco e cooperan entre todos ata que a demanda chega ó límite das súas capacidades. Pouco a pouco hai menos marxe de manobra e máis tensión ata que se sobre-pasa o límite e todo deixa de funcionar: grupos de xente esperando para sentar, mesas sen recoller e a xente pasa de largo pola porta ó ver o panorama.

Gústache esta metáfora? Cóntoche máis no vindeiro fascículo.

Lémonos aquí e saudámonos na estrada!

Podes atoparme en:
Podes contactarme en:
bts.rendementosaudable@gmail.com

Podes unirte a:

Publicar un comentario

0 Comentarios