A NAVALLA DE BOTIS. Fascículo 40, 'comer' variado aínda que non sexa 'aldente'

Falabamos no último fascículo das “receitas” de adestramento, esas chaves máxicas que tratan de converter o proceso de adestramento en algo sinxelo que se pode “cociñar” a base de X segundos a unha certa intensidade, como cando Arguiñano mete un polo no forno. Pero nin ti es un polo nin todos temos o mesmo forno.

Queda súper chulo e o efecto comercial é brutal cando explicamos un modo de traballo concreto, o xeito de poñelo en práctica e as adaptacións que produce, e se enriba acompañamos o que contamos con datos dun estudo académico xa nin che conto.

Xa che contei o último día aquí que John Keily puido demostrar que non imos poder prever nunca as adaptacións dun adestramento concreto para un individuo certo. Pero ademais atopamos un feixe de factores a termos en conta como o momento da tempada, a técnica de execución ou a intención de esforzo. Dous exemplos:

O traballo interumbrais. Se traballas por potencia V3 de Coogan, Z2 de Pallarés etc. Corenta minutos ou unha hora nesa intensidade melloran a capacidade aeróbica, a capacidade de recuperación, etc… se o fai un deportista que está comezando a tempada vaiche reportar unha percepción de esforzo altísima, vaille deixar unha fatiga enorme e as adaptacións que vai acadar vanse parecer en pouco ás que “di no libro”.

Series 30¨ON/30¨OFF son as mellores para aumentar a túa capacidade máxima de utilización de osíxeno, e vai ser importantísimo controlar os vatios para ser quen de manter a intensidade nos últimos intervalos ON. Pois depende… se o fas así vas conseguir a máxima carga muscular dende o primeiro até o último con unha grande carga glicolítica, pero se o que buscas e mellorar ese VO2Máx poida ser máis recomendable forzar a tope dende a primeira aínda que a potencia vaia caendo nas últimas xa que chegarás antes a ese punto de máximo consumo de osíxeno. Que como podes detectalo? É doado: cando levas a boca aberta e pingan babas e mocos pola túa cara… aí é!

Calquera adestramento sempre deixa adaptacións, e convén que os estímulos sexan variados para traballar cantas máis capacidades mellor pero non podemos afirmar cal vai ser o resultado da “receita” que empregues. Neste sentido é paradigmático o traballo de Daniel Boullosa que che deixo no link. Comprobaron mediante unha meta-análise que series moi curtas (10”) e máximas (sSIT) producían moitas máis adaptacións das que os “libros” lles atribuían.

Deixo abaixo o link por si queres botar un ollo porque é un tipo de traballo que se mostra moi eficiente e require de sesións de adestramento curtas, algo que agora de vacacións cos cambios na rutina diaria, por exemplo, pode resultar de axuda. Espero que che resulte interesante e non esquezas:

Lémonos aquí e saudámonos na estrada!

Podes atoparme en:
    www.bts-rs.com
    ●Strava: Botis BTS - RS
    ●Facebook: Botis Bts - rs
    ●Instragram: Botis.bts.rs

Podes contactarme en:
    ●bts.rendementosaudable@gmail.com

Podes unirte a:


Boullosa et al. 2022 (Efectos del entrenamiento de intervalos de sprint corto en los índices aeróbicos y anaeróbicos: una revisión sistemática y metanálisis - Boullosa - 2022 - Scandinavian Journal of Medicine & Ciencia en el deporte - Biblioteca en línea Wiley)

Foto: www.psicologosencolladovillalba.es

Publicar un comentario

0 Comentarios