A NAVALLA DE BOTIS - Fascículo 43, Faino atractivo!

Como xa sabes, nestes últimos fascículos estouche resumindo as ideas básicas de James Clear para que poidas establecer na túa vida calquera nova rutina que te propoñas, agora que chega o inverno, xa sexa continuar adestrando como no verán ou ben comer un pouco mellor, calquera cousa que te propoñas.

Xa falamos do primeiro paso que sería facelo evidente… procurar ese sinal ou estímulo que che lembre quen es e que queres.

O segundo paso na escada de Clear sería facelo atractivo. E como facemos atractiva unha hora no rodillo? Pois aquí o autor fálanos da “teoría do apilamento” que ven a ser unha especie de tradución do Principio de Premack. A teoría proposta por David Premack sinala que como reforzador (deste novo hábito) pode operar calquera situación ou actividade que o suxeito valore, de modo que un comportamento agradable e frecuente aumentará a execución doutro menos preferible ou probable, sempre e cando o primeiro se faga de xeito contiguo ó segundo.

-A ver Botis: que como fago atractivo o rodillo?
-Xa vai, xa vai…

Imos propoñernos incluír unha hora de rodillo a media tarde cando chegas a casa. Nese momento é probable que teñas sempre un momento agradable no teu fogar: ver un pouco a tele (espero que non sexa o teu caso, mellor ler A NAVALLA), ler un libro, merendar ou xogar un pouco cos nenos. Se sobes no rodillo coa expectativa desa rutina agradable que xa tes por hábito estarás logrando dar este segundo paso: facelo atractivo… e se o teu momento agradable nesa hora é a merenda e seguiches os consellos que che dei para o primeiro paso, faino evidente (link: A NAVALLA DE BOTIS - Fascículo 42, se queres que sexa doado: faino obvio), estarás preto de matar dous paxaros dun tiro.

Conseguir completar un adestramento, por pouco que sexa, na casa cando as condicións son adversas normalmente deixa tamén unha sensación agradable, busca esa sensación agradable primeiro con menos tempo, 20', logo media hora. Estrutura ese tempo, xoga coa cadencia, coa respiración: vou ir alternando 5' a 70 rpm con 5' a 90' rpm. Calquera espazo de tempo estruturado en bloques é máis levadeiro. Proba…

Clear fala de buscar unha recompensa, pero non me gusta moito ese termo aquí. Non se trata de comer unha sobremesa, que mellor sobremesa que a sensación de ter cumprido un propósito?

O que eu che puxen son tan só un par de exemplos, pero podes probar con calquera cousa, a calquera hora… a cuestión é emparellar ese novo hábito que buscas (o rodillo no exemplo) con outro que xa teñas asumido e che resulte agradable. Busca o teu dentro das túas circunstancias e xa me contarás.

No vindeiro fascículo falamos do seguinte paso: faino doado!

Lémonos aquí e saudámonos na estrada!

Podes atoparme en:
 ●Strava: Botis BTS - RS
 ●Facebook: Botis Bts - rs
 ●Instragram: Botis.bts.rs

Podes contactarme en:
 ●bts.rendementosaudable@gmail.com

Podes unirte a:

Imaxe: aderezo.mx

Publicar un comentario

0 Comentarios