A cadete Alejandra Neira leva á Selección de Galicia ao podio no Ciclocrós Ciutat de València

Axustada vitoria nas juniors de Lorena Patiño (XSM) ante Aroa Otero (Froiz). Segundos postos sub-23 de Miguel Rodríguez (Froiz) e Laura Mira (Farto). Irene Trabazo (XSM), terceira Elite/Sub-23 na xeral da Copa de España.

O calendario da Copa de España de Ciclocrós 2023 concluíu este domingo no leito do río Turia coa Selección de Galicia logrando a súa primeira presenza no caixón desta temporada. A cadete Alejandra Neira mellorou nun posto o seu resultado da véspera en Xàtiva e rematou terceira. Representando aos seus equipos, outros cinco especialistas da nosa comunidade subiron ao podio na XXVI edición do Ciutat de València, evento internacional da clase C2.

A Selección de Breogán viaxou ata a Comunitat Valenciana con catorce promesas para preparar o Campionato de España, que se celebrará do 12 ao 14 de xaneiro na localidade alavesa de Amurrio. Este dobre ensaio na clausura do certame estatal comezou o sábado en Xàtiva e completouse o domingo nun circuíto extremadamente rápido en València. A recta de meta acolleu esprints tan sobranceiros como o que Alejandra Neira e Carla Bañuls (Triasport) protagonizaron pola segunda posición cadete. A 20 segundos da gañadora e líder Lidia Castro (Río Miera), a valenciana bateu á santiaguesa do combinado galego.

Neira, corredora do Cambre - Caeiro, fixo terceira tanto nesta cita como na xeral da Copa. Dentro das dez primeiras cadetes en València tamén acabou Xiana Seijo, novena. As outras dúas ciclocrosistas da Selección de Galicia nesta categoría, Alba Gregores e Lara Pita, clasificáronse décimo terceira e décimo sétima, respectivamente.

A carreira cadete masculina resolveuse con tres corredores do combinado dirixido por Alberto del Río entre os doce primeiros. Xian Alvariño asinou o sétimo posto -co mesmo tempo que o sexto-, Lucas Lozano obtivo a décima praza e Rodrigo García, a duodécima. Coas cores da Federación Ciclismo Galego (FCG) terminaron 23º Lucas Blanco e 25º Pedro Liaño, e coas do Padronés - Cortizo competiu Xian Rodríguez (26º).

O mellor resultado galego e da Selección na proba júnior masculina correspondeu a Martín Díaz, décimo sétimo a 26" do vencedor. A continuación, 10" despois, finalizou décimo noveno Santiago Otero (XSM), 7" por diante de Antonio Casal, 21º. A partir de aí ampliáronse as diferenzas, e foron cinco os xuvenís da nosa comunidade que entraron na meta de xeito consecutivo: 22º Raúl Puelles, 23º Xoel Cidrás (XSM), 24º Darío Buceta e 25º Nicolás Rodríguez.

Tripla galega na xeral
O noso ciclocrós copou o podio na xeral júnior feminina da Copa de España. Lorena Patiño (XSM) -co título no peto de xeito matemático dende a véspera- liderou a táboa, Aroa Otero (Supermercados Froiz) ocupou a segunda praza e Marta Estévez (XSM), a terceira. As tres representaron aos seus equipos en València, onde estiveron a piques de rubricar outra tripla galega.

A décimo sexta vitoria consecutiva de Patiño neste certame estatal resultou moito máis emocionante que a maioría dos anteriores triunfos na súa extraordinaria xeira. A marinense impúxose esta vez á porriñesa Otero por só 4", repetíndose as posicións da véspera en Xàtiva. Nesta ocasión acompañounas no podio a valenciana Leyre Almena (Teika), a 13" da gañadora, logo dunha axustada pugna polo terceiro posto coa porriñesa Estévez, un duelo que se decantou por 6".

O XSM buscaba dous títulos da Copa esta fin de semana e o segundo escapóuselle na última das oito xornadas puntuables. Irene Trabazo non puido manter a súa vantaxe de 5 puntos na xeral Elite / Sub-23 respecto á asturiana Lucía González (Nesta - MMR). A marcaxe foi férrea entre a marinense e a vixente campioa de España, quen contaba co apoio da súa compañeira de equipo e corredora local Sofía Rodríguez. A metade da carreira, formouse un grupo de sete unidades, onde se atopaban estas tres ciclistas xunto coa sub-23 porriñesa Laura Mira (Farto), Alba Teruel (Laboral Kutxa), Alicia González (Movistar) e a francesa Alexandra Valade.

Lucía González tensou a carreira e os seus cambios de ritmo non lle permitiron saltar en solitario, pero si descolgar as dúas galegas. Na última volta, Sofía Rodríguez atacou e foi quen de abrir oco nun circuíto moi favorable ás súas condicións. Trabazo rodaba sétima e a campioa estatal tiña controlada a situación, sabendo os puntos que lle eran necesarios para conseguir a Copa. A súa compañeira de equipo Rodríguez chegou á liña de meta ante o aplauso do seu público, 5" despois facíao González, certificando o 'dobrete' do Nesta - MMR.

O sexto posto absoluto e o segundo sub-23 acadounos Mira, a 29" de Sofía Rodríguez e a 12" da sub-23 gala Alexandra Velade. Trabazo, sétima en València a 1'01 da gañadora da xornada, viuse superada na xeral definitiva da Copa polo dúo do Nesta - MMR. A elite do XSM pecha o certame na terceira praza, con 6 puntos menos que Lucía González, e con dous triunfos parciais.

Outro top-5 de Miguel Rodríguez
A carreira raíña masculina deixou un balance idéntico ao do día anterior para Miguel Rodríguez. O ponteareán cruzou a liña de meta como quinto clasificado e segundo mellor sub-23. Nunha proba que volveu dominar Felipe Orts (Burgos BH) por diante do francés Clement Venturini, de novo a terceira posición absoluta xogouse na última recta. O sub-23 Diego Ruíz de Arcaute (Caja Rural - Alea) adxudicouse o esprint a tres bandas con dous especialistas do Supermercados Froiz, o cántabro Gonzalo Inguanzo -gañador da xeral Elite/Sub-23- e Rodríguez. O galego despide a Copa como segundo mellor sub-23, por detrás do valenciano Raúl Mira (AM Sonido), e quinto clasificado absoluto. Pola súa banda, Samuel González (Máis Que Bicis) regresou de València co décimo sétimo posto absoluto e o noveno elite.

Publicar un comentario

0 Comentarios