A NAVALLA DE BOTIS - Fascículo 47, o poder da mente

Logo dun forzado parón imos retomar con forza cara o treito final desta serie por fascículos cun novo tema que non por deixalo para o último o considero menos importante. Imos cun breve fascículo a modo de introdución:

Imos ir de visita hoxe ata o Museo de la minería y de la industria que está en El Entrego, Asturias. É unha visita plenamente recomendable e unha experiencia tremendamente interesante. Logo dun repaso pola historia da minería de Asturias o guía convídanos a descender a unha das galerías situada a 600m de profundidade. Antes de subir no montacargas danos instrucións respecto das medidas de seguridade que debemos adoptar.

A viaxe cara as profundidades da terra alárgase uns cantos minutos durante os cales o guía informa ós visitantes dos síntomas que somos susceptibles de sentir e diferentes reaccións que imos poder observar no noso organismo froito, fundamentalmente, de someternos ó cambio de presión que supón baixar ata esa profundidade… o mesmo que cando sobes nun avión pero en sentido inverso, así como dos riscos para a saúde que suporía non realizar unha correcta descompresión.

O elevador adoita fallar un par de veces en cada viaxe por fallas no subministro de enerxía. Unha vez acadada tal profundidade a experiencia é difícil de describir para os visitantes… mellor é ir a velo en primeira persoa, pero resulta unha experiencia impresionante comprobar como afecta a presión, a diferente densidade do osíxeno e aumento da temperatura.

Logo duns minutos comeza o camiño de regreso e o guía indica que debemos seguir outro camiño distinto para saír á superficie por outra vía distinta que nos conduce a outro elevador. Viramos unha esquina, subimos un tramo de cinco peldaños e… arredemo! Estamos na entrada do Museo!

Vimos de vivir a experiencia de estar a 600m de profundidade e de sentir cada unha das reaccións que nos explica o guía, o noso organismo respondeu tal como nos estaban a relatar, pero as condicións reais eran outras.

Existen xa múltiples estudos de intervención onde queda probado que o noso organismo opta por reaccionar antes fronte a “crenzas” que non ante unha realidade concreta, incluso a nivel bioquímico.

Pode resultar abraiante pensar que a nosa mente poida modificar o xeito no que o noso organismo reacciona ante a realidade que o rodea pero o certo é que así é.

E agora imos coa introdución do tema: non sería unha ferramenta interesantísima ter a capacidade de xerar influencia sobre este poder enorme que ten a nosa mente que, como che quixen introducir neste fascículo e como ten sido amplamente demostrado na literatura científica, ten efectos reais sobre aspectos fisiolóxicos e bioquímicos ademais poderosísimo control sobre a percepción do esforzo e a dor que o deportista sinte nun momento determinado?

Non é un tema novidoso nin moito menos, como veremos. As técnicas de control sobre o nivel de activación mental están moi estudadas e veñen sendo empregadas dende vello. Introducirémolas no vindeiro fascículo para che contar un método de implementar algunha delas efectivo, sinxelo e… como de costume: sen fliparnos.

Lémonos aquí e saudámonos na estrada!

Podes atoparme en:
 ●Strava: Botis BTS - RS
 ●Facebook: Botis Bts - rs
 ●Instragram: Botis.bts.rs

Podes contactarme en:
 ●bts.rendementosaudable@gmail.com

Podes unirte a:

Foto: ABC

Publicar un comentario

0 Comentarios