A Selección de Galicia asina un póker de éxitos femininos no Campionato de España de Ciclocrós

Lorena Patiño conquistou a coroa júnior por diante de Aroa Otero. Bronce elite para Irene Trabazo e prata sub-23 de Laura Mira.

O mellor da Selección de Galicia no Campionato de España de Ciclocrós 2024 quedou para o final. No terceiro e último día de competición na localidade alavesa de Amurrio, o combinado da Federación Ciclismo Galego (FCG) colgouse catro medallas, un póker 100% feminino. Lorena Patiño e Aroa Otero ocuparon os dous chanzos máis alto no podio júnior, Irene Trabazo acadou o bronce elite e Laura Mira fíxose co subcampionato na categoría sub-23.

O botín de metais da Selección de Breogán repartiuse ao 50% entre os municipios pontevedreses de Marín e O Porriño. Os primeiros éxitos da xornada chegaron na proba júnior feminina, a única da xornada que se disputou sen chuvia. Galicia partía como o equipo a bater dado que presentou ás tres primeiras clasificadas na xeral da Copa de España 2023. A súa condición de invicta esta campaña no calendario estatal situaba a Lorena Patiño como favorita ao ouro e a marinense non agardou para poñer terra, ou máis ben barro, de por medio.

Nun trazado tan enlamado como completo -con troncos, unha complicada ladeira, subidas que obrigaban a baixarse da bicicleta e un sector de area- a campioa de España cadete o ano anterior ofreceu un recital en solitario. A primeira das catro voltas completouna con 13” de marxe sobre a súa compañeira de selección Aroa Otero, unha distancia que non deixou de medrar ata os 42” ao remate da carreira. “Desfruteino moito. Saín a tope, a dalo todo, e así ata o final”, comentou Lorena Patiño, que se impuxo despois de 46 minutos e 8 segundos de esforzo.

A emoción no desenlace da proba centrouse na loita pola segunda praza. A porriñesa Aroa Otero gozaba de 26” de vantaxe respecto a Ana López (Aragón) a metade da carreira, un colchón que desapareceu no treito inicial da última volta. Bronce júnior no 2023, a galega cambiou o ritmo cando sentiu a presenza da aragonesa case que a súa roda e acabou dobregándoa por 10” para adxudicarse a medalla de prata. A terceira baza da Selección de Galicia, a tamén porriñesa Marta Estévez, sufriu unha caída no arranque da competición e a súa remonta levouna ata o noveno posto.

Carreira raíña
A quenda Elite/Sub-23 activouse con Irene Trabazo comandando o pelotón con moito ímpeto nos primeiros metros. A marinense abriu oco xunto á asturiana Lucía González (Nesta - MMR), que buscaba o seu sexto título, e o dúo rachouse cando a galega bicou o barro. Este contratempo aproveitouno Alba Teruel (Laboral Kutxa) para colocarse segunda e o tempo perdido coa valenciana anulouno Trabazo á conclusión da primeira volta grazas a unha poderosa reacción. A elite da selección dirixida por Alberto del Río non tardou en soltar a súa acompañante e pouco despois foi alcanzada por outra valenciana, Sofía Rodríguez (Nesta - MMR). A partir de aí, a corredora de Marín non perdeu de vista á segunda clasificada ata que se descolgou definitivamente a piques de concluír a penúltima das catro voltas, co bronce xa no peto.

Trabazo obtivo o seu primeiro podio como elite no Campionato de España cruzando a liña de meta a 45” de Sofía Rodríguez e a 1’34 de Lucía González. O cuarto posto correspondeu á vencedora sub-23 Marta Cano (Catalunya), a 2’53 da gañadora absoluta, quinta terminou Alba Teruel e sexta a viguesa Carla Fernández (QuéBici - Marcisport) pechando o top-5 da súa categoría.

A elite navarra Ainara Elbusto (Huesca La Magia) clasificouse sétima e por detrás dela decidiuse a prata sub-23 cunha galega regresando ao podio da gran cita estatal do inverno. Laura Mira, campioa de España Cadete e subcampioa júnior en dúas ocasións, estreou a súa conta de medallas sub-23 no seu segundo ano na categoría. A porriñesa liderou o seu grupo de idade na primeira volta xunto a Marta Cano e, unha vez que catalá se marchou, soubo administrar as forzas para non ser atrapada por Ainara Albert (Massi). A valenciana apertouna ata os últimos xiros, pero a representante da Selección de Galicia -oitava na táboa absoluta- avantaxouna en 9” na liña de meta. As cores do combinado da FCG nesta carreira tamén as defendeu Sarela Conde, undécima sub-23 e vixésima na xeral.

Postos de honra masculinos
As dúas probas masculinas da xornada de clausura resolvéronse con postos de honra para o ciclocrós galego. O ponteareán Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz), terceiro ao inicio da penúltima volta, non puido manter o posto de podio e tivo que conformarse co quinto na competición sub-23 que dominou Raúl Mira (Comunitat Valenciana). Outra praza entre os dez primeiros, a novena, correspondeu a Anxo Carril (Galicia) e como representante da Selección de Breogán tamén participou Borja Gómez, o pioneiro do ciclocrós inclusivo.

O Campionato de España despediuse de Amurrio, onde choveu en todas as carreiras do último día excepto na júnior feminina, coa competición dos homes elite. Gañou por sexta vez na súa carreira o valenciano Felipe Orts (La Vila Joiosa) e o único corredor da Selección de Galicia rubricou un notable resultado. Samuel González logrou a décima posición. En total, o ciclocrós da nosa comunidade sumou nos tres días en terras alavesas vinte postos de top-10. O vindeiro ano este evento terá como escenario a localidade coruñesa de As Pontes.

Publicar un comentario

0 Comentarios