Galicia arranca o Campionato de España de Ciclocrós co quinto posto no Team Relay

Este sábado comezan as carreiras individuais en Amurrio con quince representantes da Selección de Breogán en liza.

Pugnando por subir ao podio ata a última volta, a Selección de Galicia abriu este venres na localidade alavesa de Amurrio a súa participación no Campionato de España de Ciclocrós 2024. O sexteto da Federación Ciclismo Galego (FCG) obtivo a quinta posición na proba Team Relay de remudas por combinados autonómicos. Asturias fíxose coa vitoria neste aperitivo das dúas intensas xornadas de probas individuais que se celebrarán sobre o barro durante a fin de semana.

Non choveu na apertura da gran cita invernal do ciclismo estatal e iso propiciou que o circuíto estivera menos enlamado que na véspera, cando a Selección de Breogán realizou a súa primeira toma de contacto cun percorrido moi pesado e que presenta unha ladeira bastante complicada. Despois de pisar o caixón nas tres últimas edicións do Team Relay, Galicia comezou mandando por medio de Samuel González entre as nove formacións en liza. O elite vigués rematou en cabeza a primeira volta con 4 segundos de vantaxe respecto a Cantabria, que entregou o testemuño 1" antes que Navarra.

O seguinte xiro do equipo dirixido polo seleccionador Alberto del Río completouno Xian Alvariño. O cadete ponteareán foi adiantado por seis ciclocrosistas e a terceira volta iniciouna Moisés Leboso na sétima posición. O máster-40 porriñés recuperou dous postos e a quinta praza conservouna a elite marinense Irene Trabazo grazas a un sensacional parcial no que asinou o segundo mellor tempo feminino da carreira, a só 1" do marcado pola asturiana Lucía González, a vixente campioa estatal.

A actuación do júnior carballinés Alejandro García na penúltima volta meteu de cheo ao sexteto galego na pelexa polo bronce. O sub-23 nigranés Anxo Carril iniciou o desenlace da proba practicamente á par doutras catro seleccións. Con Asturias moi firme á fronte e Cantabria coa prata no peto, a terceira posición tiña como pretendentes á Comunitat Valenciana, Catalunya, Euskadi e Madrid. Dese repóker de combinados autonómicos, os claros favoritos eran os dous representantes mediterráneos, dado que o conxunto valenciano gardouse para o final a Felipe Orts, o mellor ciclocrosista español de todos os tempos, e o catalán a Jofre Cullell, vixente subcampión estatal elite.

Os prognósticos cumpríronse e a Comunitat Valenciana levouse o bronce. Orts voou e distanciouse en 1 minuto do trío formado por Galicia, Catalunya e Euskadi. Cullell entrou 2" por diante de Carril, que tras sufrir unha caída refíxose e acabou adxudicándose o quinto posto ao esprint ante o local Aitor Hernández, bicampión de España na categoría elite.

Sábado
A primeira das dúas xornadas reservadas ás competicións individuais rexistrará a participación de quince ciclocrosistas da Selección de Breogán. O programa de carreiras deste sábado activarase ás 10:00 horas coas categorías máster-50 e 60 masculinas e as das mulleres máster. Ás 11:00 h comparecerán os máster-40, con Moisés Leboso lucindo as cores do combinado da FCG. Ao mediodía chegará a quenda dos máster-30.

Os cadetes entrarán en acción ás 13:00 h e haberá seis corredores do conxunto de Galicia: Diego Valladar, Lucas Blanco, Lucas Lozano, Pedro Liaño, Rodrigo García e Xian Alvariño. A saída das rapazas cadetes está fixada para as 15:15 h, cun trío da selección FCG formado por Alba Gregores, Alejandra Neira e Xiana Seijo. Por último, a actividade neste día pecharase cos juniors a partir das 16:15 h, competindo polo combinado da nosa comunidade Alejandro García, Martín Díaz, Raúl Puelles, Santiago Otero e Antonio Casal.

Foto: Luz Iglesias

Publicar un comentario

0 Comentarios