O Campionato de Galicia de Ciclocrós 2024 asegura dureza e espectáculo este domingo en Cambre

As coroas autonómicas poranse en xogo dende as 9:30 horas no circuíto do campo de fútbol Dani Mallo.

O 2024 ponse en marcha para o ciclismo galego cunha das grandes citas do ano. O XIV Ciclocrós Concello de Cambre exerce este domingo, dende as 9:30 horas, de Campionato de Galicia e de última proba do calendario autonómico dunha modalidade que a vindeira semana celebrará o seu Campionato de España en Amurrio (Euskadi). Pola esixencia do percorrido, pola máis que probable presenza de barro e polo nivel de participación, a dureza e o espectáculo están garantidos no circuíto do campo de fútbol Dani Mallo.


O trazado deseñado polo Club Ciclista Cambre xa ten demostrado ser un dos máis selectivos da nosa comunidade. Ademais agárdese que esté enlamado, debido ás chuvias previstas para esta semana, polo que a dificultade para facer avanzar a bicicleta en varios treitos multiplicarase.

A esas condicións está máis que adaptado o pelotón do ciclocrós galego despois dunha temporada que comezou con altas temperaturas a principios de outubro, pero dende finais dese mes estivo pasada por auga. A última batalla contra o barro librouse o pasado sábado sábado na clausura da Copa Galicia. En total, entre eventos internacionais e citas autonómicas puntuables para os rankings estatais lévanse disputadas catorce probas esta campaña na nosa comunidade.

A décimo quinta e derradeira reunirá a máis de 250 participantes, entre os que estarán as corredoras e os corredores do XSM e do Supermercados Froiz que veñen de competir durante o Nadal en Bélxica e nos Países Baixos. O ano pasado o Campionato de Galicia de Ciclocrós tivo como escenario Poio, onde se adxudicaron as coroas en xogo Lorena Patiño e Néstor Frías en cadetes, Sarela Conde e André Martínez en juniors, Laura Mira e Ricardo Buba en sub-23, María Jesús Barros e Samuel González en elites, Iria Nieto e Miguel Porto en máster-30, Marina González e Andrés Calvete en máster-40, Isabel Castro e José Manuel Gómez en máster-50 e Manuel González Ojea nos máster-60.

Horarios
O programa de carreiras en Cambre arrancará coa quenda máster-30, 50 e 60 masculina. A continuación, entrarán en escena ás 10:30 horas os máster-40. A pugna polo título cadete masculino comezará ás 12:00 h, a quenda de todas as categorías femininas está fixada para as 13:15 h e, por último, ás 14:15 h comparecerán os elite/sub-23 e os juniors. Á marxe do aspecto competitivo, ás 11:45 h darase a saída á Carreira Inclusiva e ás 12:45 h, á de Promoción.

A presentación desta xornada de ciclocrós contou coa presenza da concelleira de Deportes de Cambre, Ana Rodríguez, do concelleiro de Desenvolvemento Socioeconómico, Diego Alcantarilla, do presidente do Club Ciclista Cambre, Juan Carlos Candal, e do presidente da Federación Ciclismo Galego, Juan Carlos Muñiz.

Publicar un comentario

0 Comentarios