O ciclocrós galego acumula postos de honra na segunda xornada do Campionato de España

Este domingo compiten as principais opcións de medalla da nosa comunidade.
Un total de once ciclocrosistas desprazados dende Galicia asinaron postos de top-10 este sábado no Campionato de España que está tendo lugar na localidade alavesa de Amurrio. Despois da xornada inaugural reservada ao Team Relay, hoxe comezaron as probas individuais con protagonismo para as categorías cadetes, masters e júnior masculina. As principais opcións de medalla da nosa comunidade competirán este domingo no día grande e de clausura do primeiro evento do ciclismo estatal no 2024.

Quince dos 24 compoñentes da Selección de Galicia defenderon as cores autonómicas na apertura da fin de semana e o mellor resultado obtívoo a cadete Alejandra Neira. A ciclista santiaguesa finalizou quinta, a 35 segundos de subir ao podio. Entre as dez primeiras tamén concluíu Xiana Seijo, na novena posición, e a actuación do combinado dirixido por Alberto del Río completouna Alba Gregores, 26ª nunha carreira dominada por Lidia Castro (Castilla y León).

Outro dobre top-10 da Selección de Breogán deuse na proba cadete masculina, que rexistrou un espectacular dato de participación ao tomar a saída 145 corredores. Lucas Lozano, oitavo, cruzou a liña de meta 8" antes e un posto por diante de Pedro Liaño. O bo rendemento colectivo incluíu a décimo terceira praza de Lucas Blanco, a 22ª de Xian Alvariño e a 39ª de Diego Valladar. O balance do equipo da Federación Ciclismo Galego (FCG) nesta categoría veuse empanado pola dura caída sufrida por Rodrigo García e que obrigou a súa evacuación do circuíto para recibir puntos nun xeonllo. O título conquistouno Benjamín Noval (Asturias).

En canto aos juniors, Tomás Pombo (Padronés-Cortizo) encabezou a actuación galega. Fixo noveno, a 29" do terceiro clasificado, grazas a unha sensacional remonta como a de Alejandro García, undécimo e o máis destacado da Selección de Galicia. Entre os 50 primeiros tamén remataron Martín Díaz (Galicia) 23º, Antonio Casal (Galicia) 25º, Xoel Cidrás (XSM) 31º, Darío Buceta (Compostelano) 32º, Raúl Puelles (Galicia) 33º, Santiago Otero (Galicia) 41º e Néstor Frías (Academia Postal-Maceda) 49º. O público local vibrou coa vitoria de Hodei Muñoz (Euskadi).

A conta de metais do ciclocrós da nosa comunidade estivo a piques de abrila Marcial Rodríguez (QuéBici-Marcisport) no grupo de idade máster-50B. O porriñés xogouse o bronce ao esprint con Joan Antoni Asensio (Trevol Bikesports) e o duelo caeu do lado do catalán. Nesta mesma quenda Eloy Otero (In Situ) logrou a sétima praza nos 50A. Tamén se apuntaron postos de honra Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko) sétimo nos 40B, Moisés Leboso (Galicia) décimo nos 40B, Jorge Pérez (Os Esfola Arrós) oitavo nos 30B e Francisco Baña (Compostelano) undécimo nos 30B.

Domingo
O Campionato de España Ciclocrós, cita que celebrará a súa vindeira edición na localidade coruñesa de As Pontes, péchase este domingo con varias candidaturas galegas ao podio. Ás 10:00 horas dispútase a carreira júnior feminina coa Selección de Breogán presentando ás tres primeiras clasificadas na xeral da

Copa de España 2023: Lorena Patiño, Aroa Otero e Marta Estévez. A continuación, ás 11:00 horas, entrarán en escena os sub-23 con Anxo Carril e Borja Gómez por parte da formación autonómica e o ponteareán Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz) como un dos favoritos ao ouro. A quenda das elites e sub-23 chegará ás 12:30 h, sendo a elite Irene Trabazo e as sub-23 Laura Mira e Sarela Conde as bazas do combinado galego. Por último, Samuel González representará á selección da FCG na proba elite masculina ás 14:00 h

Foto: Luz Iglesias

Publicar un comentario

0 Comentarios