A Volta a Lugo Máster vale por tres

A primeira etapa é puntuable para a Copa Galicia e a contra o reloxo exerce de Campionato de Galicia CRI.

Cada vitoria na Volta a Lugo Máster 2024 vale o seu peso en ouro. Esta fin de semana a rolda organizada polo C.C. Chantadino repite o formato dos últimos anos e nesta ocasión a proba terá valor triplo. Os corredores non só pugnarán pola clasificación xeral, tamén haberá en xogo puntos para a Copa Galicia e ademais disputarase o Campionato autonómico de Contra o Reloxo Individual (CRI).

A carreira lucense arrancará o sábado ás 11:00 horas dende a Praza de España de Escairón, epicentro da intensa primeira xornada. A tirada inaugural exerce de segunda cita puntuable da Copa Galicia, competición que se puxo en marcha o pasado mes de marzo en Ribadeo. O máster-30 Gustavo Santiago Fernández (Ciclismo - Tríatlon Poio), o máster-40 Jose Ignacio Méndez (Aerodynamics), o máster-50 Juan Manuel Toribio (Aerodynamics) e o máster-60 Jose Carlos Riol (ADO Moure) chegan como líderes. Con saída e meta na capital do concello de O Saviñao, alcanzaranse 75 quilómetros despois de transitar polos municipios de Pantón, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón e Bóveda.

Pola tarde será a quenda dun segundo sector que para os ciclistas galegos ten o valor engadido de tratarse do seu Campionato CRI. O ano pasado, neste mesmo escenario, conquistaron as camisolas autonómicas Samuel García nos máster-30, Iago Alonso nos 40, Alfonso Fernández nos 50 e Ernesto Ortiz nos 60. Ás 16:45 h entrará en escena o primeiro participante que afronte o trazado de 14,3 km, un circuíto con inicio e final na Praza de España de Escairón.

Para o domingo quedará a resolución da Volta en Chantada. A última tirada comezará ás 10:45 h na Praza do Cantón e no itinerario de 73 km que seguirá o pelotón aparecen os pasos polo Alto do San Roque, Taboada, o Alto do Hospital, Monterroso, de novo Taboada e chegada na chantadina Praza do Mercado. O portugués Fabio Abreu apuntouse nesta vila hai un ano a vitoria na xeral.

O acto de presentación dun evento que reunirá a 156 participantes contou coa presenza de Manuel Lorenzo, alcalde Chantada; Belén Caseiro, concelleira de Deportes de Chantada; Jorge Rodríguez, concelleiro de O Saviñao; Manuel Diéguez, concelleiro de Deportes de Taboada; Carlos Caamaño, presidente do club organizador; Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego (FCG); Jacobo Ucha, técnico da FCG; Iñaki Castiñeira, xerente de A túa Xanela; Manuel Vázquez, xerente de Norinver; Juan E. Otero, coordinador de Moto Volta Chantada; Carlos S., sarxento do destacamento de Tráfico de Monforte; Amancio L., axente de Tráfico de Monforte; e de José Ramón Caamaño, director técnico da Volta.

Foto: Cedida Federación Galega de Ciclismo

Publicar un comentario

0 Comentarios