Pablo Marcos, Diego Álvarez, José María Tajes e Ernesto Ortiz, campións de Galicia Máster CRI 2024

Francisco Javier Iglesias impúxose na etapa puntuable para a Copa e José Luis Lombao liderou a xeral final da Volta a Lugo.

Tres das catro camisolas de campións de Galicia máster de contra o reloxo individual (CRI) cambiaron de propietarios durante a disputa da Volta a Lugo. A rolda de dúas xornadas organizada polo Club Ciclista Chantadino contou no seu percorrido por segundo ano consecutivo cunha 'crono' que repartiu os primeiros títulos autonómicos de Estrada da temporada. Ernesto Ortiz (ADO Moure) retivo a coroa máster-60 mentres que Pablo Marcos (Cambre) nos máster-30, Diego Álvarez (Aerodynamics) nos máster-40 e José María Tajes (Norinver) nos máster-50 son os novos reis desta especialidade.

A CRI de 14,3 quilómetros celebrouse o sábado pola tarde en Escairón, a capital do concello de O Saviñao. O mellor rexistro dos 114 participantes marcouno Diego Álvarez. O lugués do Aerodynamics detivo o reloxo en 15 minutos e 34 segundos. A 18" do gañador absoluto quedou o segundo clasificado absoluto e máster-40 José Luis Lombao (Norinver). A terceira posición na táboa xeral acadouna o campión máster-30 Pablo Marcos, a 32" do tempo máis rápido.

O top-5 completárono o máster-40 Alberto Álvarez (Norinver) e o máster-30 Diego Oliveira (Xesteiras), cuarto e quinto respectivamente. Entre os dez primeiros tamén finalizou Marcos Parga (Milagrosa), ocupando unha décima posición que lle serviu para colgarse o bronce máster-30.

O título que se resolveu por unha marxe máis reducida foi o máster-50. José María Tajes bateu por 4" a Alfonso Fernández (ADO Moure), o campión desta categoría no 2023. Xunto a eles subiu ao podio Javier González (Chantadino). En canto aos máster-60, Ernesto Ortiz repetiu no chanzo máis alto por terceiro ano consecutivo despois de superar por 1'27 a Manuel Prieto (Norinver) e por 1'30 a Jose Carlos Riol (ADO Moure).

Os premios do primeiro Campionato de Galicia de Estrada do 2024 entregáronos Carlos Armesto, alcalde de O Saviñao; Belén Caseiro, concelleira de Deportes de Chantada; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego (FCG).

Copa Galicia
A Volta Lugo Máster ofreceu un dobre sector na súa primeira xornada. Pola mañá, e como antesala da contra o reloxo, disputouse unha tirada en liña de 75 km que exerceu de segunda proba puntuable para a Copa Galicia Máster. O máster-40 Francisco Javier Iglesias (Aerodynamics) impuxo a súa potencia na chegada á Praza de España de Escairón e venceu con 3" de vantaxe respecto ao seu compañeiro de equipo e líder máster-40 do certame autonómico José Ignacio Méndez 'Mesneiro'.

Co mesmo tempo que o segundo clasificado cruzaron a liña de meta outros dous máster-40, Luis Lameira (Skoda Irmaos) -terceiro- e Diego Álvarez -cuarto-. A continuación, 1" máis tarde, rematou como primeiro máster-30 Gustavo Santiago Fernández (Ciclismo-Tríatlon Poio), reforzando a súa condición de líder da Copa Galicia no seu grupo de idade. Un cambio no máis alto da xeral rexistrouse nos máster-50, ao dobregar José María Tajes ao esprint a Juan Manuel Toribio (Aerodynamics). Os dous quedan igualados a puntos. O Norinver tamén dominou nos máster-60 por medio de Manuel Prieto e nesta categoría continúa encabezando o ranking Jose Carlos Riol. O certame coordinado pola FCG regresará o 4 de maio na primeira etapa da Challenge das Rías Baixas.

Peche accidentado
A Volta a Lugo Máster despediu o domingo unha edición que rexistrou un total de 157 inscritos, un peche que se viu alterado por un accidente. Os últimos dez quilómetros da etapa con inicio e final en Chantada realizáronse neutralizados debido a unha grave caída.

Deste xeito, non houbo gañador da tirada, pero os tempos que se tomaron ata que se deixou de competir contabilizáronse para a clasificación xeral da rolda lucense. José Luis Lombao triunfou na xeral da Volta, ademais de adxudicarse a camisola máster-40 e a de mellor galego. O seu compañeiro de equipo Alberto Álvarez fixo segundo e Gustavo Santiago Fernández terminou terceiro.

Foto: Cedida Federación Galega de Ciclismo

Publicar un comentario

0 Comentarios