Pablo Rodríguez lucirá o dorsal número 1 na segunda edición da Manzaneda Gran Fondo

O biker de Maceda participará por primeira vez o 28 de abril na marcha cicloturista que percorre as comarcas ourensás de Terras de Trives e Caldelas.

A Manzaneda Gran Fondo pode presumir de contar cos ciclistas ourensáns máis internacionais. Se na súa estrea tivo como un dos seus padriños a Carlos Canal, na súa segunda edición portará o dorsal número 1 a gran figura do BTT galego. O macedao Pablo Rodríguez descubrirá o domingo 28 de abril a marcha cicloturista que roda, explora e desfruta nas comarcas de Terras de Trives e Caldelas.

Campión de Europa Sub-23 de XCO no 2015, o biker de Maceda foi un dos principais referentes da especialidade olímpica do BTT durante a última década en España. A actual temporada supón o inicio dunha nova etapa na súa carreira profesional. A principios deste 2024 fichou polo Buff Megamo e co considerado mellor equipo do mundo de XCM está dedicándose ás probas de Maratón e de Gravel. Á Manzaneda Gran Fondo chegará directamente dende os Balcáns, onde a semana anterior competirá na 4Islands MTB Croatia.

Pablo Rodríguez e o resto de participantes na marcha organizada pola Federación Ciclismo Galego pedalearán nun trazado que varía un 60% respecto ao do ano pasado. Entre as novidades destacan dous portos de montaña inéditos, o Alto de Valisco e o de Pena de Lebre. O que non cambia é o seu espectacular final, coa ascensión á Estación de Montaña de Manzaneda. Esta mítica subida será cronometrada, o que ofrece aos compoñentes poñer a proba o seu estado de forma.

O prazo para reservar dorsal continúa aberto. Os cicloturistas poden escoller entre dous percorridos: o Gran Fondo, de 125 quilómetros e cun desnivel positivo acumulado de 3.000 metros, e o Medio Fondo, de 80 km con 1.800 de acumulado. A saída para ambas distancias darase ás 09:30 horas.

Os dous itinerarios, adaptados ao nivel e á motivación de cada deportista, transcorren por un total de cinco concellos da provincia de Ourense: Manzaneda, Pobra de Trives, Castro Caldelas, Montederrano e Chandrexa de Queixa. Trátase dun percorrido por incribles paisaxes naturais. Unha proposta deportiva e de lecer.

Publicar un comentario

0 Comentarios