A NAVALLA DE BOTIS - Fascículo 11: Desmontando un deportista. Capítulo VII: O teu equipo de mecánicos (parte III)

Imos seguir a profundar no que che quero contar sobre este “equipo de mecánicos” que traballan dentro do teu organismo cando recuperas para ter a túa máquina nas mellores condicións posibles… se che queda algunha curiosidade despois, deixa as túas preguntas (tes o contacto abaixo) e estarei encantado de contarche o meu punto de vista.

Contábache no Fascículo 9 que tes que saber entenderte co teu “equipo de mecánicos” e falar a mesma linguaxe que eles para poder deixarlles o recado concreto e que saiban por onde deben comezar a traballar para mellorar a túa máquina mentres que ti descansas. Tamén debes ter capacidade de escoitalos, porque comprender o que esta a pasar no teu organismo é básico para poder programar os teus adestramentos ou poder transmitir esa información ó teu adestrador a tempo.

Imos con un caso práctico: un adestramento duro cando estas a enfrontar unha infección vírica pode supoñer un estres engadido que empeore a enfermidade resultante facéndote incluso (e isto soe ser algo que nos preocupa unha chea) perder días de adestramento (va que si?). Se o pensas de volta como un “equipo de mecánicos” podemos asemellar a situación que che poño como exemplo á de pedir un esforzo extra ó persoal do taller cando hai dous operarios de baixa… non si?

Eu xa sei que non se che ocorre adestrar con catarro… (quero pensar…) pero antes de manifestarse os sintomas de xeito externo o teu organismo xa esta a loitar contra esa ameaza e iso consume moitos recursos. O sistema inmune precisa unha enorme cantidade de enerxía cada día. Isto supón que engadir estres nesa loita cun adestramento esixente poida chegar a ser moi perxudicial… sobre todo dependendo do momento da tempada. Os recursos do teu organismo son limitados, eses adestramentos realmente duros que te poñen a tope de forma supoñen unha enorme merma de recursos para outros sistemas do organismo, como por exemplo o sistema inmune… pero ti eres deportista e tes coñecemento abondo para tomar decisións sabias, sabes prestar atención ó teu “equipo de mecánicos” e levabas xa un par de días recibindo esas mensaxes… falaches co teu adestrador e decidistes facer un par de adestramentos de recuperación. E velaí, cando se manifestaron finalmente os síntomas todos os recursos do teu organismo estaban dispoñibles para o sistema inmune e nun par de días estabas outra vez adestrando ó cento por cento.

E aquí ven agora a parte interesante deste fascículo, como che contan os mecánicos que algo non funciona? Pois non vas recibir un mail, obviamente, pero tampouco ten nada de esotérico nin máxico. Require simplemente que sexas consciente de que isto acontece e comeces a prestar atención. Tampouco acontece igual en cada organismo, todos somos distintos… pero podes empregar un par de métodos sinxelos e, o máis importante: GRATUÍTOS:

O primeiro é unha idea básica que che deixo e ti podes ir desenrolando co paso do tempo e adaptándoa a ti: é tan simple como anotar nun anaco de papel cada mañá as ganas que tes de adestrar nunha escada do 1 ó 5, na que o número máis alto representaría unhas gañas tremendas de adestrar sexa cal sexa o tempo, o tipo de adestramento, a quenda de traballo ese día… e o máis baixo algo así como: “buf, non sei se quedar na casa”. Este número acabará por ser un bo indicador xeral para ti, iso seguro, pero compre termos un bo complemento…

A frecuencia cardíaca en repouso é o complemento ideal, e non te flipes aquí tampouco, déixate de caros dispositivos nin software de última xeración… non precisas máis que aquel mesmo anaco de papel para apuntar e o reloxo CASIO que mercaches hai 20 anos no mercado en Padrón, que seguro que aínda ten batería. Antes de erguerte da cama localizas o pulso e contas latexos durante 30 segundos, multiplicas x2 e apuntas. Listo! Tes aquí unha canle eficaz e sinxela para recibir mensaxes dos teus mecánicos e que ten o seu propio “dicionario” ó cal, a medida que lle vaias prestando atención, cada mañá irás incorporando novos “termos”.

Como punto de partida:
A FC en repouso sube en situación de estres.
A FC en repouso sube cando dormes pouco ou mal.
A FC en repouso sube se consumes alcol.
A FC en repouso sube cando estas incubando algunha enfermidade.
A FC en repouso baixa a medida que aumenta a capacidade aeróbica.

Moi importante aquí! Non importa se tes máis ou menos pulsacións en repouso, non te compares… podes ter compañeiros que teñan menos de 30 PPM en repouso, e Perico tiña 58 PPM cando gañou o Tour… non hai que fliparse nunca! O verdadeiramente importante sempre son as tendencias, os valores anómalos, aquelas cousas que nos van chamar a atención logo dun tempo atendendo a estas medicións.

Próbao e cóntasme…

Lémonos aquí e saudámonos na estrada!

Podes atoparme en:
Strava: Botis BTS - RS
Facebook: Botis Bts - rs
Instragram: Botis.bts.rs

Podes contactarme en:
bts.rendementosaudable@gmail.com

Podes unirte a:
Non plus flipare (grupo en Strava)

Puro Ciclismo, purociclismo, blog, ciclismo, giro, tour, vuelta, clasicas, bici, bicicletas, noticias, entrevistas, ciclocross, mtb, btt, cx, pista

Publicar un comentario

0 Comentarios