A NAVALLA DE BOTIS - Fascículo 12: Desmontando un deportista, Capítulo VIII

Imos coa outra parte: como lle falas ti ó teu equipo de mecánicos?, e isto si depende de outros moitos factores xa que para lles enviar a mensaxe axeitada a túa diagnose sobre o que precisa a túa máquina en cada momento tamén debe ser correcta. Para iso vimos a semana pasada un par de ideas de por onde podes comezar a entenderte co teu organismo e referinme concretamente a dúas ferramentas sinxelas para comprender e evitar situacións de sobre-adestramento, saber como levamos de avanzada a preparación ou prever os nosos picos de forma, por exemplo.

Hoxe vouche falar dun caso ficticio: o caso dun ciclista que comenta que lle falta sprint, que sempre o soltan nos últimos metros e nos cambios de ritmo, e que leu por aí que ten que facer series e máis series…

O noso amigo séntase co seu adestrador, que non é un vendedor de crece pelo, e o primeiro que fai e indagar como ven adestrando, en que clase de probas ten participado, cales son os seus referentes… e antes de facer unha valoración explícalle que a velocidade ten un enorme compoñente xenético, que se os mellores velocistas veñen de Xamaica non é por casualidade, igual que os keniatas non son bos fondistas polas infraestruturas do país. Un sprinter ten algo na súa xenética que poida que ti non teñas… ollo! un sprinter de verdade, non o teu amigo Luís que simplemente pesa 10 quilos máis ca ti…

Vale, o adestrador ponse a valorar os datos que ten o noso amigo e bota unha ollada ás últimas carreiras que fixo e rapidamente, sen facer ningún tipo de proba nin test de campo, na seguinte conversa co noso deportista coméntalle que xa ten claro por onde poden comezar…

Imaxina a cara do noso colega cando lle di que nada de series nin sprints…

Unha vez sentados a falar o que lle mostra o seu adestrador é unha comparativa con outros corredores onde comproba que no momento de chegar a aquel sprint final el xa gastara todo canto tiña dentro, mentres que os rivais aínda tiñan un par de balas na recámara, non perdera aquela carreira no sprint final, xa a viña perdendo repeito a repeito. Isto eu tratei de contarcho aquí (A NAVALLA DE BOTIS - Fascículo 6: Desmontando un deportista. Capítulo II: o motor Barreiros) no Fascículo 6, falándoche da vía lipolítica, o "motor Barreiros", e da importancia de respectar os PRINCIPIOS BÁSICOS DO ADESTRAMENTO… que puidera ser o primeiro que tiña descoidado o noso amigo na súa preparación.

Con este exemplo ficticio veño querendo poñer a túa atención na importancia de poder coñecer as túas necesidades á hora de adestrar. Para iso hai varias cousas que son fundamentais:

A primeira e seguir A NAVALLA DE BOTIS, que che vai dar unhas pautas básicas elementais e afastarte de flipaos e influencers vendedores de crece pelo.

A segunda sería coñecer as vías metabólicas polas que o teu organismo obtén a enerxía, niso andamos aquí e xa coñeces a primeira delas.

A terceira podería ser coñecer a musculatura implicada no teu exercicio e como funciona.

E unha última podería ser ter estratexias sinxelas para estimular ambas…

… e de todo iso imos falar aquí tendo claro sempre que "a solución máis sinxela ten máis probabilidades de ser a correcta": A NAVALLA DE BOTIS

Podes atoparme en:
Strava: Botis BTS - RS
Facebook: Botis Bts - rs
Instragram: Botis.bts.rs

Podes contactarme en:
bts.rendementosaudable@gmail.com

Podes unirte a:
Non plus flipare (grupo en Strava)

Puro Ciclismo, purociclismo, blog, ciclismo, giro, tour, vuelta, clasicas, bici, bicicletas, noticias, entrevistas, ciclocross, mtb, btt, cx, pista

Publicar un comentario

0 Comentarios