Pasada a que considero unha primeira fase de presentación, na que che deixei ver unhas primeiras liñas xerais de como funciona o meu xeito de entender o adestramento deportivo… e que rematou con aquela proposta, que sigue en pé, de que me fagas chegar dúbidas ó correo que tes abaixo, así como calquera cuestión na que queiras que profundemos aquí… pasada como digo esta primeira fase imos continuar co desenrolo daquilo que eu considero básico e elemental, que todo deportista debería tratar de saber aplicar no seu día a día e que tratei de organizar para ti neste esquema (enlace)... e hoxe vou comezar coa segunda das vías metabólicas, e vou pasar do “motor Barreiros” que supón a combustión das graxas ó motor eléctrico suplementario, algo así como o KERS co que contan os pilotos da F1, como é a vía do fosfáxeno.
Pois así o vexo eu porque, ó igual que o sistema dos coches de carreiras, este sistema metabólico entrega unha grande cantidade de potencia nun espazo de tempo moi curto e a súa “batería” recárgase soa sobre a marcha en poucos minutos, arredor de 3, que pode ser un dato que che interese.
Como ves no debuxo, este motor é o primeiro en poñerse en marcha cando aínda os motores de combustión non deron arrancado sequera, e nun esforzo máximo entregaría toda a súa potencia, que é moita, en apenas 4 ou 5 segundos chegando a esgotar a súa batería arredor do segundo 12 ou 15, a partires de onde terías que apañarte cos outros dous… a vía lipolítica xa a coñeces.
Como te irás dando de conta a medida que les, este do que che comezo a falar hoxe é o motor que identifica ós bos sprinters… ós de verdade, ós que son quen de se plantar a 200m da meta sen lle ter “tocado a ese botón” que activa o KERS en toda a carreira… non falamos aquí do teu amigo que che gaña na grupeta cando xogades a ver quen chega primeiro ata a farola. Tamén os corredores de pista, especialistas en 200m sobre todo, terán un KERS impresionante… a 70km/h a piñón fixo hai que ter un KERS ben gordo!
Pois ben, nestas intensidades é doado darse de conta que o teu organismo traballa de xeito moi distinto: dende os substratos enerxéticos empregados ata as fibras musculares, pasando por toda a activación nerviosa e chegando ó sistema endócrino… estouche a falar dun “ambiente” moi específico tanto se pensamos na competición: nun sprint de 200m, como si pensas no adestramento e… ollo con isto! Aínda que non sexas un sprinter, ou incluso se o teu son as maratóns ou os GF (ou se só andas en bici por saúde) dar estímulos axeitados a esta vía vai ter para ti múltiples beneficios. Nos vindeiros fascículos veremos como podes buscalos e que podes agardar como resposta.
Rolda final do Campionato do mundo de Sprint, Fernando Alonso deféndese de Lewis Hamilton en Spa usando o KERS, podes ver a carón do contavoltas sobreimpresionado como descarga por completo a batería na recta.
O piloto vai ter toda a batería dispoñible na seguinte volta ó igual que os pistards en cada manga… ou ó igual que un corredor que disputa unha meta volante, e todo sen consumir outro tipo de combustible: gasolina no caso do coche ou glicóxeno no caso dos ciclistas.
Gústache o meu xeito de ver como funciona a vía do fosfáxeno?
O vindeiro día cóntoche algunhas cousas que pasan no teu organismo cando premes o botón do KERS.
Lémonos aquí e saudámonos na estrada!
Podes atoparme en:
Puedes contactarme en:
bts.rendementosaudable@gmail.com
Puedes unirte a:
0 Comentarios
Gracias por su comentario